O Concello de Soutomaior dará un novo paso na transformación urbana de Arcade coa reforma do tramo do Camiño de Santiago que discorre entre as rúas Portas e Lavandeira.
A actuación permitirá completar a humanización do itinerario xacobeo ao seu paso polo núcleo urbano e suporá unha mellora significativa da mobilidade, a seguridade e a calidade do espazo público.
O proxecto será financiado principalmente a través dunha subvención do programa PON 2030 da Deputación de Pontevedra, unha axuda que inicialmente fora denegada en 2021 ao considerar os informes técnicos de entón que non cumpría os requisitos esixidos. Con todo, o actual goberno municipal recorreu aquela decisión ante os tribunais e logrou unha sentenza favorable que permitiu recuperar o financiamento para executar a obra prevista.
O investimento total alcanzará os 465.000 euros. Desta cantidade, 436.000 euros procederán dos fondos provinciais, mentres que o Concello achegará preto de 38.000 euros a través do Plan +Provincia 2026-2027.
As actuacións desenvolveranse no tramo comprendido entre a rúa Portas, á altura do campo da feira de Arcade, e a rúa Lavandeira, na súa conexión coa estrada N-550.
O obxectivo é renovar de forma integral este espazo, mellorando os pavimentos e dotándoo de novas infraestruturas orientadas a reforzar a seguridade peonil e a accesibilidade.
Desde o Concello destacan que a intervención permitirá crear unha contorna máis cómoda e atractivo para veciños, visitantes e peregrinos, á vez que contribuirá a pór en valor un dos principais eixos urbanos da localidade.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, defendeu a necesidade de estender este tipo de proxectos a outros puntos do municipio para avanzar cara a un modelo urbano máis accesible, sostible e pensado para as persoas, á vez que se preserva e potencia o atractivo paisaxístico e patrimonial do concello.
Lourenzo subliñou ademais que Soutomaior está a vivir unha transformación urbanística sen precedentes. Segundo destacou, os investimentos que superan xa o tres millóns de euros en actuacións sobre o espazo público están a contribuír a modernizar o municipio e terán unha repercusión directa na calidade de vida da cidadanía.