Todo Soutomaior foi diversión e reivindicación este sábado coa segunda edición de A Orghullosa, a festa das identidades diversas e disidentes coa que o municipio quixo conmemorar a celebración do día internacional do orgullo LGBTIQA+.
A festa tivo a Juan de Arcade como pregoeiro, que protagonizou un acto emotivo e reivindicativo onde contou a súa historia e todo o que tivo que pasar para gozar da vida con orgullo.

Esta segunda edición de A Orghullosa comezou ben cedo coa andaina reivindicativa pola diversidade que tivo como punto de partida a carballeira do peirao de Arcade.
Nela, participaron máis de 50 persoas que percorreron a illa de Medal ou as Salinas do Ulló antes de volver ao punto de inicio para poder disfrutar dun 'mari picnic' para poder repoñer forzas e dunha sesión vermú a cargo do grupo de música tradicional Toma de Terra.
Ademais, ás once de mañá houbo na carballeira un obradoiro realizado por Maritza Bertollini que tiña como fin celebrar a diversidade e a identidade a través do bordado, transformando símbolos e palabras como xeito de manifestación artística e reivindicativa.
Xa pola tarde, os participantes noutro obradoiro bordaron prendas de roupa para crear pezas únicas representativas da comunidade LGTBIQA+ e os máis pequenos da casa, a través da lectura, o xogo e a arte, comprenderon a importancia das relacións baseadas no bo trato.
Houbo tamén un obradoiro de danza para bailar en liberdade, onde pandeteiras do concello puxeron en práctica a súa arte e moitas mozas e mozos conseguiron iniciarse no mundo do baile galego.

A festa tivo o seu gran peche cos concertos de Meiga-I, cunha performance inesquecible; e de The Tetas'Van, que conseguiron que toda a carballeira movese o esqueleto e non deixase de bailar ao ritmo das súas orixinais e divertidas versións.
Dende o goberno local agradeceron a colaboración da veciñanza que un ano máis "amosaron que son un orghullo de pobo".