SPJ-USO sinala que os traslados de órganos xudiciais no edificio antigo de A Parda están suspendidos "sine die"

Pontevedra
15 de maio 2020

Este sindicato indica que, grazas á xestión dos seus dirixentes, se conseguiu a modesta sala para vítimas de violencia de xénero que existe a día de hoxe neste edificio e que foi criticada polo sindicato Alternativas pola Xustiza-CUT. SPJ-USO asegura que coa nova redistribución haberá sala para as vítimas destes delitos

Xulgados da Parda
Xulgados da Parda / Mónica Patxot

O sindicato SPJ-USO saíu ao paso das críticas efectuadas pola central Alternativas pola Xustiza- CUT na que denunciaba a situación de escaso espazo en que desenvolve as súas funcións o Xulgado de Violencia de Xénero no antigo edificio da Parda cunha zona que definía como " cuchitril" para as vítimas destes delitos.

Segundo os responsables de SPJ-USO a "modesta sala para vítimas que existe a día de hoxe foi conseguida por este sindicato dentro das posibilidades de espazo que existían ata a construción do novo edificio". Sinalan que que a "demagoxia e o populismo deixámolo para outros".

SPJ-USO sinala tamén que, grazas á súa intervención, quedou suspendido "sine die" o traslado de órganos xudiciais no antigo edificio da Parda. Segundo avanzan, este tema será tratado na próxima Comisión Mixta e analizarase, atendendo a criterios de seguridade sanitaria, a redistribución do Imelga, Rexistro e Repartición, Decanato, Xulgados de Instrución, Xulgados do Penal, Xulgado de Vixilancia Penal, Xulgado de Menores e a Fiscalía. 

Este sindicato reclama a elaboración dun plan de avaliación de riscos onde se examinen todos os postos de traballo, establecer a obrigatoriedade da utilización de equipos de protección individual garantindo o seu abastecemento, ampliar quendas de limpeza e desinfección, promover o teletraballo, desinfección do circuíto de aire acondicionado, definir un protocolo para toda Galicia de acceso para usuarios e profesionais ás dependencias xudiciais e, entre outras medidas, fixar a flexibilidade do horario para evitar aglomeracións nos accesos ás sedes xudiciais.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora