Suprímense as sesións de última hora da tarde na edición semipresencial da Semana Galega de Filosofía 2021

Pontevedra
10 de marzo 2021

Alexandre Cendón, presidente da Aula Castelao de Filosofía, mantiña un encontro co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e coa concelleira de Cultura Carmen Fouces para avanzar a programación da tradicional cita coa filosofía. Nesta ocasión, o economista galego Albino Prada abrirá o 5 de abril a Semana, que poderá seguirse online e no Teatro Principal

Representantes da Aula Castelao manteñen un encontro con Miguel Anxo Fernández Lores e Carmen Fouces
Representantes da Aula Castelao manteñen un encontro con Miguel Anxo Fernández Lores e Carmen Fouces / Concello de Pontevedra

A partir do luns 5 de abril ata o 9 dese mesmo mes, a Semana Galega de Filosofía volverá encher de análise crítica a cidade coa 37 edición deste evento que manterá a mesma temática que estaba prevista para 2020, 'Filosofía e Civilización Dixital'. A anterior edición suspendérase debido á pandemia.

Este mércores, o presidente da Aula Castelao Alexandre Cendón acompañado por Ana Regueira, anterior responsable da organización da Semana Galega de Filosofía, mantiña un encontro con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e con Carmen  Fouces, concelleira de Cultura. 

Este ano está previsto que se celebre en formato semipresencial, de forma que o público poida seguir as sesións tanto en liña como desde as butacas do Teatro Principal, adaptándose á capacidade da sala, 

Precisamente a civilización dixital, segundo o alcalde e Alexandre Cendón, é un tema de total actualidade debido aos cambios de conduta a que obrigou a pandemia. O presidente da Aula Castelao sinalou que tanto o teletraballo como as comunicacións a distancia tomou un importante impulso durante o último ano.

O programa de actos tivo que recortarse eliminándose as sesións de última hora da tarde e decidiron priorizar as intervencións de conferenciantes do ámbito de Galicia, co obxectivo de evitar problemas nos desprazamentos. Os relatores matinais intervirán en liña e o público poderá velos no Principal ou tamén en liña mentres que os da tarde acudirán ao Teatro Principal e o público contará coas dúas opcións para seguir as súas conferencias.

Cendón aclarou que no caso de que a situación sanitaria se complique durante primeiros do mes de abril está prevista a posibilidade de celebrar todos os actos do programa da Semana  Galega de Filosofía a través de sistemas telemáticos.

O profesor de economía da Universidade de Vigo Albino Prada será o encargado de abrir a edición deste ano cunha charla sobre o mundo dixital e a súa relación co capitalismo e o neoliberalismo. Durante as primeiras intervencións tamén se tratará a relación entre os medios dixitais, co uso de elementos como o  litio, e o medio ambiente ou o consumo enerxético.

Este venres, a Aula Castelao ofrecerá máis detalles sobre os participantes e o programa completo deste evento.