Suspendida a procesión dos Pasos deste Xoves Santo pola alerta de choivas

Pontevedra
17 de abril 2025
Actualizado: 20:41

A alerta amarela por precipitacións obriga a suspender un dos desfiles relixiosos máis emblemáticos da Semana Santa, que ía contar coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda

Persoas na contorna da Basílica de Santa María que agardaban pola procesión
Persoas na contorna da Basílica de Santa María que agardaban pola procesión / Cristina Saiz

A meteorología adversa frustrou a celebración da tradicional Procesión dos Pasos en Pontevedra este Xoves Santo.

A Xunta Coordinadora da Semana Santa, tras unha reunión celebrada á primeira hora da tarde, decidiu por unanimidade suspender o desfile procesional previsto para as 20:00 horas desde a Basílica de Santa María.

A decisión tomouse tras activar o servizo de emerxencias 112 a alerta amarela por choivas desde as 18:00 horas deste xoves ata as 15:00 horas do Venres Santo, no que supón un novo revés para unha Semana Santa xa afectada polas inclemencias meteorolóxicas desde o seu inicio.

A procesión suspendida, unha das máis vistosas e significativas para fieis e visitantes, ía contar coa participación de sete confrarías pontevedresas e a presenza institucional do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O desfile mostraría pasos tan destacados como a Santa Cea, a Oración no Horto, o Bico de Xudas, a Flagelación, Xesús Cautivo, Xesús atado á columna, o Ecce Homo, a Cruz ao lombo e o Santísimo Cristo da Expiración coa Virxe da Soidade.

Para o resto da semana, a Xunta Coordinadora continuará avaliando diariamente a situación meteorolóxica antes de tomar decisións sobre as seguintes procesións, tendo en conta que este venres 18 está prevista a matinal do "Encontro", ás 09.30 horas e a máis participativa de todas as que se celebran na cidade, a Procesión do Santo Enterro, a partir das 20.00 horas.

Esta suspensión súmase ás dificultades xa experimentadas en días anteriores, cando a procesión do venres 11 tivo que realizarse apresuradamente e limitarse ao perímetro da igrexa de San Xosé en Campolongo debido tamén ao mal tempo e a do luns, denominada do Tres Caídas, suspendíase por mor das chuvias.

SUSPENSIÓN TAMÉN EN SANXENXO

A Confraría do Nazareno e Sto. Sepulcro tamén anunciou a cancelación da procesión do Nazareno prevista para este xoves pola alerta de chuvias.

A programación continuará cos horarios previstos no Novo Templo coa Santa Misa na cea do Señor ás 20.00 horas para, a continuación, celebrar quendas de Adoración e, ás 22.30, Hora Santa para as Confrarías.

Numerosas persoas achegáronse á Basílica de Santa María este Xoves Santo
Numerosas persoas achegáronse á Basílica de Santa María este Xoves SantoCristina Saiz