Susto por un can solto en Portonovo: Morde un policía e un veciño e abalánzase sobre unha nena

Sanxenxo
30 de novembro 2025

O animal, de raza considerada como potencialmente perigosa, atopábase solto este sábado na contorna da estrada da Circunvalación provocando problemas de seguridade

Perro de raza potencialmente perigrosa recollido en Portonovo tras morder dúas persoas Policía Local de Sanxenxo

Un can solto, dunha raza considerada como potencialmente perigosa, ocasionou problemas este sábado 29 de novembro en Portonovo.

Un axente da Policía Local de Sanxenxo e un veciño da zona sufriron o ataque do animal, da raza Akita Inu, que se atopaba solto na contorna da estrada da Circunvalación provocando problemas de seguridade na circulación dos vehículos e entorpecendo o tráfico.

Ambos os dous sufriron mordeduras. No caso do axente, que se atopaba realizando a inspección dun vehículo, foi mordido nunha man e brazo cando se achegou ao animal con ánimo de retiralo da vía. O veciño de Portonovo pola súa banda foi mordido no brazo rompéndolle ademais a súa cazadora.

Explica a Policía Local que tras comprobar que non era a primeira vez que o can causaba problemas, contactaron coa propietaria para que acudise a recollelo.

Mentres iso non sucedía custodiaron a presenza do animal na vía con sinais lumínicas e acústicas.

Con todo ante o perigo que se mantiña e a ausencia da propietaria, contactouse co Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) para a recollida do can, que aínda deu un gran susto a unha nena de 5 anos que se atopaba nun parque infantil na contorna da piscina.

O animal abalanzouse sobre ela, pero a rápida reacción dun policía colléndoa en brazos impediu que a atacase, levándoa xunto á súa nai até o coche patrulla para a súa seguridade.

Lembra a Policía Local de Sanxenxo que a fuga dun animal potencialmente perigoso pode levar sancións administrativas de até 15.000 euros, ao considerar ao propietario do cánido como responsable civil. As multas varían en función da gravidade da infracción.