Tafisa anuncia o peche co despedimento de 60 traballadores

Ponte Caldelas
16 de maio 2014
Actualizado: 17:52

A empresa comunicou nas últimas horas esta decisión aos representates dos traballadores e a partires do 27 de maio vai iniciarse un proceso para negociar o ERE extintivo. Dende os sindicatos amosan a súa oposición á extinción dos contratos

Interior da fábrica de taboleiros de Tafisa
Interior da fábrica de taboleiros de Tafisa

O secretario do consello de administración da empresa Tableros de Fibras, S.A., Ángel Robledano, comunicou aos representantes dos traballadores de Tafisa a decisión de pechar a fábrica de taboleiros situada en Ponte Caldelas. Esta decisión supón que os 60 traballadores que actualmente traballan na nave queden sen traballo.

A partires do 27 de maio iníciase o proceso para negociar entre a dirección da empresa e os representantes sindicais o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo.

Neste momento, Tafisa atópase nun ERE de suspensión de contratos que remata no mes de setembro. Trátase do terceiro expediente que a empresa afronta nun escaso marxe de tempo. A media de idade do persoal sitúase arredor dos 45 anos e, dende os sindicatos, indícase que os traballadores viñan realizando un importante esforzo nos últimos meses asumindo os ERE coa intención de evitar o peche da fábrica.

En xaneiro de 2004, a fábrica trasladábase a Ponte Caldelas abandonou a súa ubicación ás beiras do Lérez. Dende 2012, a empresa plantexara períodos de expediente de regulación de emprego debido á caída das vendas e, por tanto, da produción na factoría.

CRISE NA MADEIRA

A empresa emitiu un comunicado sinalando que se ve obrigada a adoptar esta decisión ao comprobar que "as medidas preventivas aplicadas ata agora son insuficientes para operar de forma sostenible. Estas medidas incluíron novos investimentos, reducións de custos, melloras na calidade, a pechadura doutras fábircas e a suspensión temporal dos contratos de traballo do persoal de Ponte Caldelas".

Segundo continúa expoñendo a dirección de Tafisa, "a forte presión sobre os prezos de venda - que hoxe son inferiores aos custos de fabricación -, o exceso de capacidade produtiva - a factoría traballa ao 30% da súa capacidade - e a caída da demanda ocasionada pola crise da construción impiden á planta pontevedresa fabricar esta liña de produto de forma competitiva".

A empresa sinala que viu diminuír os seus ingresos nun 52% de forma continuada en dous anos e acumula perdas por 9,7 millóns de euros entre 2010 e 2013 debido á crise da industria maderera e á caída do sector da construción.