Un grupo de técnicos da localidade portuguesa de Cascais achegouse a Pontevedra para profundar nas características e medidas do modelo urbano da Boa Vila. A axenda desenvolvida incluíu unha intensa sesión de traballo cos técnicos municipais e un percorrido pola cidade guiado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
A delegación de Cascais estaba formada por Vítor Silva, arquitecto paisaxista e director do departamento de Autoridade de Transportes do Municipio; Nuno Perfeito, xurista e xefe de División de Transporte Público e Rui Espíritu Santo, arquitecto e xefe da División de Planeamento de Mobilidade e Transportes. Todos eles coñecían os eixos xerais dunha cidade "calma, moi agradable e pensada para as persoas", tal como a definiu Vítor Silva, máis na visita a Pontevedra foron quen de coñecer polo miúdo o traballo técnico e político que hai detrás.
Os aspectos técnicos foron explicados por José Manuel Tato, director xeral de Urbanismo; Jesús Gómez Viñas, enxeñeiro xefe da Oficina Técnica de Medio Ambiente e Infraestruturas e Daniel Macenlle, intendente principal da Policía Local.
Vítor Silva encomiou aos técnicos municipais ao darlle os parabéns ao alcalde por contar "cun equipo moi bo, implicado e competente" para levar a diante a transformación da cidade. Unha transformación que foi posible, engadiu, ao ir este equipo técnico da man "dun goberno local que toma decisións, con valentía política" para avanzar.
Liberar espazos públicos de coches e recuperalos para as persoas e mellorar a accesibilidade son cuestións que están enriba da mesa en Cascais. Por elo na sesión de traballo mantida cos técnicos municipais amosaron un gran interese en aspectos como a xestión das prazas de servizos, as medidas de calmado de tráfico e dun xeito especial o deseño e implantación dos pasos de peóns elevados e os lombos.
Silva, Perfeito e Espiritu Santo percorreron co alcalde Miguel Fernández Lores o casco histórico e algunhas zonas do ensanche comercial onde viron o tratamento peonil dado aos espazos da zona monumental, a implantación de rúas e espazos de convivencia entre peóns, bicis e coches; o funcionamento das prazas de servizos e a calidade urbana das rúas e prazas da cidade.