Durante un cuarto de hora, este xoves 13 concentráronse fronte aos hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra integrantes da Asociación de Técnicos Superiores Sanitarios de Galicia, en protesta contra o primeiro borrador do anteproxecto de Lei do Estatuto Marco do Persoal Sanitario.
Os Técnicos Superiores Sanitarios (TSS) crítican o Ministerio de Sanidade por ser "negacionista" nesta materia, xa que, o anteproxecto non inclúe unha clasificación profesional moderna, segundo denuncian.
O Ministerio promove este novo estatuto coa intención de adaptalo ao Marco de Cualificacións Europeo, pero para o colectivo de Técnicos Superiores Sanitarios isto non se consegue e o anteproxecto do novo estatuto é unha "sopa de letras".
Para este grupo profesional, a problemática radica en que o Ministerio de Sanidade continúa a consolidar unha división obsoleta entre o persoal universitario e o persoal de formación profesional.
Esta división, expoñen, ignora a realidade do persoal sanitario titulado e regulado, pospoñendo o seu recoñecemento automático a nivel académico europeo e limitando o seu desenvolvemento profesional.
Sinalan tamén que España é o único país da Unión Europea (UE) e dos países cun sistema sanitario moderno que ten para as profesións TSS nun nivel de cualificación menor. Denuncian que esta situación impide o recoñecemento automático académico na UE.

Outro punto crítico para o colectivo é a clasificación no Grupo B (Grupo 5 no referido anteproxecto), creada en 2007, na que, segundo afirman, o Ministerio de Sanidade non cumpriu o prazo fixado, incurrindo un atraso de 20 anos, sen incorporar un compromiso económico.
Piden que as profesións TSS teñan un nivel de cualificación homologable aos profesionais da UE e que o seu encaixe profesional figure no grupo 6.
Reclaman que no Estatuto Marco a figura do TSS sexa considerada como Profesión Sanitaria Titulada e Regulada de pleno dereito.