A Televisión de Galicia leva 15 anos sen delegación en Pontevedra e o BNG solicita a súa recuperación

Pontevedra
16 de outubro 2025
Actualizado: 12:57

O BNG pide directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que actúe como veciño de Pontevedra e representante da cidade. Instano a que tome as medidas necesarias

Un equipo da CRTVG facendo un directo
Un equipo da CRTVG facendo un directo / CRTVG

Cando está a piques de cumprirse o 15º aniversario do peche da delegación da CRTVG en Pontevedra -será o vindeiro 30 de novembro-, o BNG volve poñer enriba da mesa a súa reapertura.

O deputado nacionalista Luís Bará levou de novo esta reivindicación ao Parlamento galego e pide directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que actúe como veciño de Pontevedra e representante da cidade.

Ínstano a que tome as medidas necesarias para que a delegación da televisión e radio públicas volva abrir as súas portas no primeiro trimestre de 2026.

Bará lembra que o peche da delegación da CRTVG en Pontevedra foi repentino e sen previo aviso, e que tivo un forte impacto na cidade con 25 traballadores, entre persoal técnico e de redacción, que foron despedidos da noite para a mañá.

Desde entón, Pontevedra é a única capital de provincia de Galicia que carece dunha delegación da canle autonómica, o que derivou, segundo o Bloque, nunha perda clara tanto na cantidade como na calidade da cobertura informativa da zona.

Para o BNG, recuperar esta delegación non é só unha cuestión de xustiza, senón tamén unha maneira de garantir unha información completa, obxectiva e plural sobre o que acontece na cidade e na súa contorna, dende a actividade institucional ou política, ata a económica, cultural, social ou de lecer.

O deputado nacionalista considera que o principal responsable desta situación é Alfonso Rueda.

Por iso lle reclama, a través dunha batería de iniciativas parlamentarias, que o seu goberno, en coordinación coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, aprobe e poña en marcha a reapertura da delegación antes de que remate o primeiro trimestre de 2026.