Tensión no Hospital Provincial ante a decisión de eliminar as probas PCR sen cita

Pontevedra
29 de decembro 2021

Moitas pesoas que se achegaron á última quenda das probas, anunciada o martes a última hora pola Xerencia da área sanitaria, amosaron o seu malestar pola decisión de suspender esta actividade que contaba cunha alta participación diaria con colas que rodeaban o recinto do Hospital Provincial. A Xerencia xustifica a medida sinalando que comeza unha "fase de mitigación" da pandemia

Malestar ante a decisión de suspender as probas PCR sen cita

A decisión comunicada a última hora da tarde do martes de suspender de maneira definitiva as probas PCR sen cita, que estaban previstas ata o 8 de xaneiro, provocou preocupación e malestar entre a cidadanía. Un grupo de persoas atopábase ás 06.30 horas deste mércores facendo cola para someterse ás probas no lateral do Hospital Provincial na última quenda prevista pola Xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

A cola de espera volveu rodear as instalación hospitalaria e ás 14.00 horas a tensión foi en aumento ante a fin de quenda dos profesionais sanitarios e a decisión adoptada de impedir a realización de máis probas.

A directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, Sonia Fernández Arruti, explicaba este mércores que se está completando a transición do variante delta cara a omicrom e, por este motivo, as autoridades sanitarias decidiron variar a metodoloxía da detección de casos positivos ao entender que a pandemia se atopa nunha fase de mitigación. Consideran que con esta decisión, a onda epidémica crecerá a un ritmo máis lento e, ademais, diminuirá a actual carga asistencial tan elevada que se estaba rexistrando nos centros de Atención Primaria.

Fernández Arruti explicaba que as PCR se realizarán agora unicamente a pacientes con síntomas e os positivos detectados a través de test de antíxenos xa non precisarán dunha proba PCR de confirmación como estaba a suceder ata o momento.