Teresa Covelo asume a presidencia dos comuneiros de Salcedo nunha transición histórica con selo feminino

Pontevedra
01 de decembro 2025

Unha presidencia que chega con amplo respaldo social e coa responsabilidade de protexer o monte, símbolo de identidade e de unión para a veciñanza

Teresa Covelo, presidenta da Comunidade de Montes de Salcedo Comunidade de Montes de Salcedo

A parroquia de Salcedo viviu esta fin de semana unha xornada que pasará á súa historia. Teresa Covelo Lores, ata agora vicepresidenta, foi elixida de maneira unánime como nova presidenta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo. 

Pon rostro á tan anunciada remuda xeracional tras quince anos de mandato de Fernando Pintos Pereira.

A Casa Verde quedou pequena para os máis de cen comuneiros que acudiron a unha asemblea cargada de emoción, simbolismo e tamén de proxectos de futuro. A candidatura encabezada por Covelo, a única presentada, recibiu un apoio case total —tan só dúas abstencións— nun clima no que quedou patente o respaldo veciñal á que será a primeira muller en tomar o timón da entidade.

No seu primeiro discurso como presidenta, Covelo agradeceu a confianza da comunidade e destacou o labor de todas as xuntas reitoras que, desde os inicios, contribuíron a recuperar e protexer o monte de Salcedo. A nova mandataria comprometeuse a seguir traballando co mesmo equipo —agás unha nova incorporación— e a manter as liñas de defensa do patrimonio natural e social que marcaron a etapa anterior.

A súa intervención incluíu tamén un dos momentos máis emotivos da tarde como foi a proposta, aprobada por unanimidade e entre aplausos, de nomear Fernando Pintos primeiro Presidente de Honra da Comunidade de Montes. Un xesto que sorprendeu ao propio Pintos e que simboliza a continuidade baseada no respecto mutuo e no traballo compartido.

Fernando Pintos e Teresa Covelo     Comunidade de Montes de Salcedo

A asemblea foi tamén unha homenaxe ao presidente saínte. Antes de ceder o relevo, Pintos presentou un completo informe da súa xestión durante quince anos marcados pola mobilización cidadá, a recuperación do monte de mans dos militares da Brilat, a oposición á zona de seguridade e un ambicioso proceso de posta en valor do territorio comuneiro.

A asemblea concluíu coa proxección dun documental sobre a loita de Salcedo pola defensa do seu monte, un recordo vivo da unidade veciñal que evitou que o Exército condicionase a vida da parroquia.

Xa no seu discurso de despedida, Pintos agradeceu a confianza e o apoio recibidos e puxo en valor a solidariedade e a unión que, ao seu xuízo, definen á comunidade. Desexoulle o mellor á nova presidenta, de quen afirmou que está "sobradamente preparada" para liderar o cambio xeracional, e amosou a súa disposición a seguir colaborando como asesor cando sexa preciso.

A xornada serviu tamén para aprobar —de novo por unanimidade— o deslinde consensuado co Concello de Vilaboa e un convenio polo cal a Comunidade cede durante tres anos varios terreos ao Club Ciclista Farto para o adestramento do equipo infantil.

Directiva da Comunidade de Montes de Salcedo     Comunidade de Montes de Salcedo