A Concellería de Obras e Servizos Municipais continúa coa súa folla de ruta para seguir consolidando a práctica da compostaxe entre a cidadanía, facendo especial fincapé na mocidade e nas novas xeracións. Ao longo das últimas semanas, o edil responsable deste departamento, Julio Casás visitou, acompañado da mestra composteira do Concello, os colexios de Isidora Riestra, na parroquia de San Xoán, e CEIP Espedregada, en Raxó, onde se procedeu á entrega de composteiros comunitarios.
Deste xeito, tal e como salientou o propio Casás Barral, "a día de hoxe todos os centros educativos de Poio contan con este recipiente, de xeito que o alumnado do noso municipio cada vez xa está máis familiarizado co seu uso e os seus beneficios".
A mestra composteira é a encargada de explicar aos estudantes a montaxe e utilización do composteiro. "Levamos xa varios anos traballando en consolidar esta filosofía en Poio", incide o titular de Obras e Servizos Municipais, que recorda que Poio está adherido ao Plan Revitaliza, impulsado pola Deputación de Pontevedra e que é chave neste eido.
O edil salienta a "boa acollida" que teñen os composteiros nos centros educativos, que "rapidamente comezan a ser utilizados por parte do alumnado para a xeración de compost, que recordemos que presenta grandes beneficios con respecto ao uso dos fertilizantes artificiais, resultando máis ecolóxicos e efectivos no tratamento de xardíns, plantas e cultivos".
Desde o inicio do curso, ademais do CEIP Espedregada e o Isidora Riestra, tamén se sumou a esta rede de colexios con composteiro o CEIP Viñas de San Salvador. "As nenas e nenos xogan un papel moi importante na concienciación deste tipo de iniciativa, ao seren transmisoras e transmisores destes valores nas súas familias", indicou Julio Casás
NOVOS CENTROS DE COMPOSTAXE COMUNITARIOS
Por outro lado, o responsable de Obras e Servizos Municipais confirmou que o Concello de Poio ampliará o número de Centros de Compostaxe Comunitarios en breve na parroquia de San Salvador. "Estamos estudando os emprazamentos axeitados", declarou Julio Casás, que corrobora que a intención da Administración local é seguir dotando ao municipio deste tipo de dispositivos, dado a gran resposta que tiveron os que xa están habilitados no núcleo de San Salvador, a outras zonas céntricas.