Todos os concellos da provincia agás Cuntis, Moraña, Campo Lameiro e Ribadumia son zonas de alto risco de incendios

Umia
15 de xuño 2022

O operativo de extinción de incendios conta en Pontevedra con 1.188 persoas, 1.081 profesionais, dos que 107 traballan para o funcionamento de 98 vehículos, 684 son de medios propios, 34 manexan vehículos aéreos e 363 están contratados con cargo aos convenios asinados entre a Xunta e os concellos

Visita de Luís López, Antonio Crespo e Manuel Francisco á sala de vixilancia do Servizo de Incendios Mónica Patxot

Coa tempada de máximo risco de incendios ás portas, a Xunta de Galicia fixo balance este mércores dos medios cos que conta para facer fronte á extinción dos lumes declarados e a prevención para que non se produzan. Á hora de deseñar o operativo convén analizar o terreo sobre o que se actuará e na provincia todos os municipios excepto catro están declarados zonas de alto risco

Segundo os datos facilitados polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, Cuntis, Moraña, Campo Lameiro e Ribadumia son os catro únicos municipios pontevedreses que non foron declarados de alto risco de incendios. 

Ademais, nos catro distritos forestais pontevedreses (Deza-Tabeirós, Caldas-O Salnés, Condado-Paradanta e Vigo-Baixo Miño) hai dúas parroquias, situadas en Dozón e Salceda de Caselas, que están declaradas de alta actividade incendiaria polo número de lumes rexistrados. 

Para protexer todas estas zonas, o operativo de extinción deseñado pola Xunta conta en Pontevedra con 1.081 profesionais nas épocas de alto risco, xullo, agosto, setembro e un mes complementario no que anos atrás houbo gran actividade incendiaria, outubro.

A esta cifra hai que sumar outras 107 persoas que traballan para o funcionamento de 98 vehículos, 4 helicópteros, 46 medios terrestres propios (motobombas e maquinaria pesada) e 48 motobombas resultado dos convenios asinados con  concellos e con Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). 

Desta forma, a partir do 1 de xullo, traballarán 1.188 persoas para tarefas de extinción. Delas, 684 son de medios propios, 34 de medios propios que manexan vehículos aéreos e 363 traballadores contratados con cargo aos convenios asinados entre a Xunta e os distintos  concellos. 

A Xunta conta con 10 puntos de vixilancia fixa e tres heliportos en Silleda, Pontevedra (O Campiño) e Mondariz (Queimadelos), 13 puntos nos que teñen instaladas 26 cámaras de vixilancia, dúas por zona. Ademais, fixáronse 118 puntos de recollida de auga para helicópteros a menos de 6 minutos do radio de acción da aeronave. 

En materia tanto de prevención como de extinción hai que ter en conta as medidas complementarias derivadas dos convenios asinados cos municipios. Este ano hai 21 brigadas de 4 ou 5 compoñentes cada unha que traballarán durante tres meses e supoñen o uso de 20 motobombas e a colaboración para a limpeza de ata 1.400 hectáreas de terreo. 

A provincia de Pontevedra ten 450.000 hectáreas de superficie e os 5.039 incendios rexistrados na última década queimaron 37.000. Isto implica que o 8,42% da superficie pontevedresa ardeu en dez anos, o 14% se se contabiliza só o terreo forestal. 

Segundo os datos facilitados por Luís López, na última década rexistráronse na provincia 11 grandes incendios, a metade que na década anterior, o cal "demostra que os protocolos e investimentos están a funcionar". A superficie queimada foi nese período de preto de 26.000 hectáreas, 10.000 menos que na década anterior. 

Luís López facilitou estes datos acompañado polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural, Antonio Crespo, e o xefe do Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Pontevedra, Manuel Francisco Gutiérrez, durante unha visita ao centro de coordinación provincial de incendios, situado no edificio administrativo da Xunta en Campolongo

Ademais, Luís López repasou os traballos e medios en materia de prevención, que supón un investimento de 4,75 millóns de euros e este ano incluíu iniciativas novas como aldeas modelos cunha creada en Cerdedo-Cotobade e outra en marcha nas Neves. 

Os polígonos agroforestais, plans de pastos (cun investimento de preto dun millón de euros) ou a xestión da biomasa nas faixas secundarias completan as tarefas de prevención. No caso das faixas secundarias hai 26 parroquias  priorizadas por risco de incendios e a Xunta colabora para que os propietarios dos terreos afectados teñan un menor custo, 350 euros.