Todos os traballadores e usuarios das residencias da área sanitaria recibieron a segunda dose da vacina

Pontevedra
04 de febreiro 2021

Un total de 40.000 persoas xa participaron nos cribados de detección da covid-19 realizados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nas últimas oito semanas, que chegaron aos municipios de Cuntis, Moraña, Marín, Bueu, O Grove, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Forcarei

Luisa Piñeiro e Andrés Diaz, durante o cribado de Ponte Caldelas
Luisa Piñeiro e Andrés Diaz, durante o cribado de Ponte Caldelas / Xunta de Galicia

Os traballadores e usuarios das 18 residencias asistenciais de maiores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés xa completaron a segunda dose da vacina contra a covid-19 para acadar a inmunización. Así o anunciou este xoves a delegada da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, con motivo dunha visita a Ponte Caldelas.

Nesa visita deu a coñecer que un total de 40.000 persoas xa participaron nos cribados de detección da covid-19 realizados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nas últimas oito semanas, que chegaron aos municipios de Cuntis, Moraña, Marín, Bueu, O Grove, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Forcarei.

A maiores, engádense os cribados específicos efectuados nos institutos de seis concellos orientados a 2.700 estudantes de Bacharelato, os que se están a realizar periodicamente en colexios e institutos, os da residencias da terceira idade ou os acometidos entre colectivos específicos, como sanitarios, hostaleiros, autónomos ou comerciantes.

O último está a realizarse ata o sábado en Ponte Caldelas. Ata alí desprazouse Luisa Piñeiro, que valorou que é "indubidable" o esforzo da Xunta na atención aos pacientes da covid-19 e nos operativos para tentar detectar casos asintomáticos para cortar a transmisión do virus, frear os contaxios e protexer a saúde dos cidadáns.

Acompañada pola directora de Atención Primaria, Belén Piñón, e polo alcalde, Andrés Díaz, Luis Piñeiro fixo desde o exterior do centro de saúde de Ponte Caldelas un chamamento á cidadanía para que participe masivamente nas probas, que arrancaron o mércores e que se prolongarán ata o sábado cunha poboación diana de case 3.000 persoas de entre 40 e 79 anos.

Ponte Caldelas ten 53 positivos este xoves e unha incidencia acumulada que se achega aos 1.000 casos por cada 100.000 habitantes.

Este proceso de cribado, programado en quenda de tarde agás o sábado que se celebrará dende as 9.30 horas, estará coordinado por tres equipos de enfermería, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras con tests rápidos de antíxenos e información aos usuarios, que están sendo convocados por SMS coa súa cita.