Todos queren ser narcos en 'Fariña'

Pontevedra
19 de maio 2017

Decenas de persoas pasan durante este venres 19 pola Casa da Luz para facer as probas que lles permitan optar a ser seleccionadas como extras para a serie de Antena 3 baseada no libro 'Fariña' de Nacho Carretero

Casting para 'Fariña' na Casa da Luz Mónica Patxot

Decenas de persoas están a achegarse ao longo deste venres 19 polas instalacións da Casa da Luz, na praza da Verdura de Pontevedra, para participar no casting que Bambú Producciones está a levar a cabo para seleccionar figurantes para a serie televisiva sobre o narcotráfico galego, 'Fariña', que se rodará este verán nas Rías Baixas

As probas comezaban ás 9.30 en sesión matinal e continúan pola tarde ata as 19.30 horas. A produtora busca todo tipo de perfís, sempre que se trate de persoas maiores de 16 anos, para participar nos capítulos dunha serie que será emitida por Antena 3 e que contará nos seus principais papeis cos actores galegos Javier Rey e Marta Larralde, ademais de Tristán Ulloa. 

A proposta para a pequena pantalla buscará realismo, baseándose no libro 'Fariña' de Nacho Carretero, e nela aparecerán capos galegos tan coñecidos como Sito Miñanco, Marcial Dorado ou Laureano Oubiña.

A rodaxe terá como centro de operacións o concello de Noia, pero gravarase en diversos escenarios como Vilanova de Arousa, Vilagarcía, O Grove, Cambados e Pontevedra, a partir do mes de xuño.