Fariña, a nova serie de Antena 3 baseada no libro de título homónimo de Nacho Carretero, xa botou a andar ambientada na Galicia dos anos 80, en concreto, para a súa primeira tempada, entre 1979 e a coñecida operación Nécora de 1990. E, cos primeiros días de rodaxe, déronse a coñecer quen poñerán cara a famosos narcotraficantes do Salnés como Sito Miñanco, Laureano Oubiña ou Manuel Charlín, a personaxes controvertidos como Nené Barral ou a figuras archiconocidas como a 'nai coraxe' contra a droga Carmen Avendaño.
Como xa se anunciou, a serie estará protagonizada polo actor de Noia (A Coruña) famoso por series como Velvet Javier Rey, pero por fin deuse a coñecer a quen dará vida. Será Sito Miñanco na ficción que co producen Atresmedia Televisión e Bambú Producións. O seu amigo da alma, Roque, será o santiagués Tamar Novas e o seu pai terá acento pontevedrés, o actor de Sanxenxo Celso Bugallo -La lengua de las mariposas, Los lunes al sol, La vida que te espera, Mar adentro-.
Aínda que o gran protagonista da serie será Sito Miñanco, Fariña é unha historia de personaxes que vira tamén ao redor da figura de Laureano Oubiña, Manuel Charlín ou Vicente Otero Terito. A Oubiña daralle vida un marcado acento da ría de Arousa, o do actor e humorista de Vilagarcía Carlos Blanco mentres que a Manuel Charlín interpretarao Antonio Durán Morris -Pratos Combinados, Padre Casares, Atilano Presidente- e a Terito, Manuel Lourenzo -Mareas vivas, Entre bateas, Matalobos-.
Outros personaxes sen os que non podería entenderse a historia do narcotráfico nas Rías Baixas tamén terán cara pontevedresa. Ricardo Portabales que, coas súas confesións, permitiu desenvolver a operación Nécora, é natural de Marín e estará interpretado por un actor de Vilagarcía, Nacho Castaño -Mareas vivas, Pratos combinados, O lapis do carpinteiro-. Ao xuíz Baltasar Garzón poñeralle cara Miquel Fernández -Mar de plástico, Amar en tiempos revueltos, El comisario- e a Carmen Avendaño, Iolanda Muiños -Mar Adentro, El Desconocido-.
O pontevedrés Xulio Abonjo, actor en series como Pratos combinados, El Comisario ou Padre Casares e en películas como O lapis do carpinteiro, Entre bateas e Os fenómenos tamén forma parte do reparto no papel de Moncho Charlín, un dos fillos de Manuel Charlín. E outro pontevedrés, Miro Magariños, natural de Cuntis e moi vinculado coa cidade do Lérez dando vida ao 'demo' da Festa do Demo, estará na serie no papel de Nino Balbín, personaxe que ficciona ao ex alcalde de Ribadumia Nené Barral.
Fariña non só será ADN pontevedrés polos actores que dan vida aos seus personaxes ou polos narcos reais nos que se basean, senón que tamén os seus escenarios terán vínculos. A rodaxe empezou en Noia e Porto do Son a pasada semana, pero no próximos seis meses, ata novembro, desprazarase ata a cidade de Pontevedra, A Illa de Arousa ou Porto Meloxo, no Grove.
A serie rodarase durante as próximas 26 semanas, ata finais de novembro, e partirá da Galicia dos anos 80 na que a reconversión da pesca deixou unha parte da frota galega en terra e centos de armadores endebedados, para contar como en moitos pobos de costa a falta de ingresos e os pagos cotiáns estrangula as economías familiares e xérase o caldo de cultivo perfecto para que se produza a gran transformación: os antigos traficantes de tabaco dan o salto a algo máis grande, máis lucrativo, pero moito máis perigoso, o narcotráfico.
Ese arraigamento social que tiña o contrabando de tabaco nas Rías Baixas aparece retratado na serie, do mesmo xeito que eses primeiros contactos dos traficantes da zona cos cárteles colombianos da droga e os primeiros pasos do tráfico de cocaína ata que Galicia convértese na porta de entrada do 80% da cocaína que desembarca en Europa á vez que eses capos da droga pasan a ser os reis de Galicia.