Tomeza contará con dous parques infantís conectados por senda peonil

Pontevedra
11 de maio 2016

Reformarase o de Casal do Río que quedará para rapaces grandes. Construirase un novo no quinteiro da Casa da Cultura para os máis pequenos

Consello parroquial de Tomeza Concello de Pontevedra

Tomeza reformulará os espazos de ocio infantil da parroquia. O concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, puxo sobre a mesa do Consello Parroquial un novo proxecto para, por unha banda, reformar o actual parque de Casal do Río e, por outra, construír un novo espazo de xogos infantís no quinteiro da Casa da Cultura.

O primeiro dos parques, no que hai pistas deportivas, quedaría para o lecer dos rapaces máis grandes e o segundo, de nova creación, estará deseñado con xogos para as nenas e nenos máis pequenos.

A proposta municipal complétase coa conexión dos dous parques infantís cunha senda peonil. Precisamente co fin de definir o itinerario da senda, os representantes veciñais reuniranse co concelleiro e os técnicos o próximo 18 de maio para percorrer o camiño. Arredor de 200 metros separan as dúas zonas de lecer.

A reformulación dos espazos de ocio infantil foi o tema central da reunión do Consello Parroquial celebrada este martes na que o concelleiro Demetrio Gómez tamén deu conta á veciñanza das actuacións previstas para este ano en Tomeza incluídas no plan de obras do rural 2016: a reparación do camiño no lavadoiro de Lusquiños, drenaxes e regulación de rasantes no Camiño de Regapereira, a reparación de cunetas en Lusquiños e ordenamento do tráfico e o aparcamento no Adro de San Pedro.