O 26 de xullo cumpríronse 50 anos da visita dos reis Don Juan Carlos e Dona Sofía ás instalacións do Centro Príncipe Felipe de Pontevedra.
Por ese motivo, a Deputación iniciou este luns os actos de celebración do 50 aniversario da inauguración do centro coa instalación dun tótem conmemorativo que remarca "os cincuenta anos coidando, protexendo e construíndo futuro", sinalou o deputado responsable do centro, Pablo Castillo.
Durante o acto lembrou que o organismo provincial vai acometer o maior investimento da historia recente do centro, "con 5,5 millóns de euros para que siga sendo a gran referencia que xa é en canto a atención infantil e xuvenil".
Así mesmo, lembrou que o 26 de xullo de 1976 Don Juan Carlos e Dona Sofía inauguraron as instalacións, á vez que remarcou que se lle puxo o nome de Príncipe Felipe porque naquel entón o actual rei "era un neno e a idea coa que naceu o centro foi a de construír unha cidade para a infancia, para educar, para acoller, protexer e formar".
Agora, cincuenta anos despois, "podemos afirmar con rotundidade que o obxectivo co que naceu está a cumprirse na súa totalidade", afirmou Castelo.
Ademais do tótem, a Deputación deseñou unha programación de actividades que comezarán a partir de setembro e continuarán ao longo de todo o 2026.
Estes actos e actividades súmanse ao investimento de 5,5 millóns de euros destinadas a mellorar as infraestruturas e, en palabras do deputado provincial, "consolidar este espazo de valor incalculable para Pontevedra e o conxunto da provincia; un recinto ao servizo da sociedade, da infancia e da mocidade, para dotalos de ferramentas para que poidan ter un futuro cheo de posibilidades".
Con estes recursos vanse a mellorar as infraestruturas residenciais, así como modernizar e mellorar os espazos de residencia, educativos e asistenciais aplicando políticas eficientes e xestionando de forma equilibrada dos recursos públicos.
Por último, Pablo Castillo agradeceu a implicación de todo o persoal que traballou e que traballa no centro e pediu que "estes 50 anos sexan o inicio doutros 50 nos que Príncipe Felipe siga sendo un dos principais activos desta cidade de Pontevedra e de toda a provincia".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.