Traballadores das ambulancias concéntranse para esixir un convenio "digno"

Pontevedra
11 de maio 2018

Con concentracións, tanto no Hospital Montecelo como no Hospital do Salnés, os traballadores do sector das ambulancias saíron á rúa para demandar un convenio "digno". Foi durante a segunda xornada de folga que se viviu no sector

Concentración dos traballadores das ambulancias no Hospital do Salnés
Concentración dos traballadores das ambulancias no Hospital do Salnés

Con concentracións, tanto no Hospital Montecelo como no Hospital do Salnés, os traballadores do sector das ambulancias saíron á rúa para demandar un convenio "digno". Foi durante a segunda xornada de folga que se viviu no sector.

A pesar duns servizos mínimos que, segundo os sindicatos, foron "abusivos" o transporte sanitario parou por completo na maioría das áreas sanitarias de Galicia e só entrou a traballar o persoal que estaba designado en mínimos.

Durante a protesta, os traballadores aproveitaron para repartir follas entre os usuarios da sanidade pública para explicar os motivos da folga e as súas demandas.

O persoal denuncia a situación de "abandono e desidia" cun servizo público básico como é o do transporte sanitario, cun convenio caducado dende hai máis de dous anos e coa pretensión da patronal de aplicar un descolgue de ata o 25% "dos nosos salarios e condicións laborais".

As empresas, sinalan desde a CIG, ameazan coa renuncia aos contratos alegando que non lle son rendibles, "cando gañaron os concursos públicos rebaixando as ofertas económicas ata nun 7% e agora pretenden que asuman esa perda os traballadores e traballadoras".

Isto ten deixado ao persoal, segundo o comité de empresa, nunha situación de "incerteza e precariedade" que ten consecuencias na calidade do servizo, ao non atenderse dende as empresas a limpeza e desinfección das bases, ambulancias e uniformes ou a mellora e conservación de materias e medios de traballo "nun sector tan sensible como este".

Mentres tanto, denuncian, o Sergas está "mirando para outro lado" e nos últimos tempos estase producindo un aumento dos servizos, "sen que isto leve parello un incremento dos cadros de persoal nin do número de ambulancias", o que está levando o sector "ao colapso", tanto na atención aos doentes como nas "excesivas" xornadas de traballo.

Os traballadores teñen convocadas novas xornadas de folga para os días 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo. Se continúa sen haber avances a folga pasaría a ser indefinida desde setembro.