O contrato do Servizo de Axuda no Fogar volverá a saír a licitación en Pontevedra. O goberno municipal iniciou nos últimos días os trámites para unha nova adxudicación, tanto da Lei de Dependencia como do municipal.
O contrato, adxudicado na actualidade á empresa Clece, podía continuar cunha prórroga de ata catro anos, pero Benestar Social considera que é mellor sacalo a nova contratación. De feito, será preciso empregar parte desa prórroga mentres se rematan os pregos.
O Servizo de Axuda no Fogar atende a unas 140 persoas no municipio de Pontevedra ao ano (incluíndo aos usuarios tanto da Lei de Dependencia como o municipal).
Este servizo ofrece máis de 5.000 horas de atención a dependentes ao mes e o seu custe ronda os 800.000 euros ao ano.
A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, explicou que nos novos pregos que están a elaborar os servizos técnicos do departamento, incluirán cláusulas sociais tal e como aprobou a Xunta de Goberno do pasado 11 de xaneiro, dado que unha das pretensións do goberno local é seguir avanzando na inclusión en todos os eidos.