A transformación integral do barrio de Mollavao, entre seis empresas

Pontevedra
08 de decembro 2025

O Concello recibe seis ofertas para executar a reurbanización de Rosalía de Castro e a conexión coa avenida de Marín, que conta cun orzamento de licitación de 3,7 millóns de euros

Proxecto para a Praza de Mollavao
Proxecto para a Praza de Mollavao / Concello de Pontevedra

Seis empresas están interesadas en executar o dobre proxecto de reurbanización de Rosalía de Castro e conexión coa avenida de Marín, que suporá a transformación integral do barrio de Mollavao.

Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, durante o proceso de licitación, recibiron seis ofertas para a actuación conxunta, que conta cun orzamento de 3,7 millóns de euros.

As firmas que se presentaron á licitación son: Civis Global S.L.U., Construcciones E.C. Casas S.L., Construcciones Fechi S.L.U.-Moncosa OHS S.A., Construcciones Obras y Viales S.A. (COVSA), Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa S.L. e Narom S.L.

Desde o Concello valoran que esta elevada concorrencia "avala un proxecto de gran envergadura para a cidade".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou en reiteradas ocasións súa satisfacción pola reactivación definitiva da obra, que tiña un "persoal e especial interese en sacar adiante".

Lores lembra que a tramitación superou "moitísimos anos" de xestións e "todas as vicisitudes negativas habidas e por haber", por iso é polo que amosa a súa "alegría grande" polo avance no proceso. 

Este proxecto suporá transformar o acceso oeste á cidade integrando a fachada marítima.

A orixe desta actuación é unha colaboración entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, formalizada nun convenio para a execución da nova vía, a cesión da titularidade do treito urbano da PO-546 (estrada vella de Marín) por parte da Xunta de Galicia, e a autorización de Costas para executar a nova vía en terreos de Mollavao.

A unificación nun só contrato xustifícase porque a reconfiguración de Rosalía de Castro, que pasará a ter un único carril de saída, obriga a desviar previamente o tráfico de entrada á cidade cara á avenida de Marín (PO-12) a través do novo enlace.