Tres empresas interésanse no servizo de axuda no fogar de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
14 de xuño 2019

Un  total de tres empresas especializadas presentaron ofertas para a prestación do servizo de axuda no fogar de Ponte Caldelas. Son Idades, Ulla Sar e Son a túa axuda. Todas elas comprometéronse á subrogación das trece traballadoras e detallaron as súas ofertas no custo por hora do servizo, así como en prestacións ofertadas e medios dispoñibles

Concello de Ponte Caldelas
Concello de Ponte Caldelas / Mónica Patxot

Un  total de tres empresas especializadas presentaron ofertas para a prestación do servizo de axuda no fogar de Ponte Caldelas. Son Idades, Ulla Sar e Son a túa axuda. Todas elas comprometéronse á subrogación das trece traballadoras e detallaron as súas ofertas no custo por hora do servizo, así como en prestacións ofertadas e medios dispoñibles.

A adxudicación definitiva está condicionada pola entrega da documentación pendente das empresas, así como pola toma de posesión da nova corporación, pois a adxudicación formal debe producirse en pleno ao superar o contrato o 10% dos recursos ordinarios.

Polo tanto, primeiro deberá tomar posesión a corporación, celebrarse o pleno organizativo e, finalmente, convocarse un pleno extraordinario para a adxudicación.

O contrato saíu a licitación cun prezo de 252.295,68 euros e unha duración dun ano, prorrogable por un segundo. Supón un incremento do 12% sobre o importe (225.000 euros) da actual empresa prestataria que, despois de dez anos, cesa nesta actividade.

O SAF de Ponte Caldelas atende na actualidade a 34 persoas, contempla a prestación de  servizos de apoio para a vida diaria, axuda para outras actividades e axuda para a atención doméstica e da vivenda.

Unha das principais modificacións derivadas do novo contrato é a dignificación dos salarios das traballadoras, sinalan desde o goberno municipal.