Tres tótems na praia de Compostela convidan a gozar do areal sen danar os seus ecosistemas

O Salnés
07 de xullo 2026

A exposición itinerante convida a descubrir a riqueza do litoral e a adoptar boas prácticas. Poderá visitarse desde este luns, 6 de xullo, até o 15 de setembro

Exposición 'Desfruta da praia sen deixar pegada', na praia de Compostela Afundación

Vilagarcía acolle este verán a exposición itinerante 'Goza da praia sen deixar pegada', unha campaña de sensibilización ambiental impulsada por Afundación no marco de PLANCTON e coa colaboración do Concello.

A mostra poderá visitarse na praia de Compostela desde este luns, 6 de xullo, até o 15 de setembro.

A través desta iniciativa convidar a veciños e visitantes a descubrir a riqueza ecolóxica do litoral e a adoptar boas prácticas para gozar dos areais dunha maneira respectuosa co medio natural.

A acción preséntase en tres tótems informativos instalados no paseo marítimo, á altura do parque de Compostela, e anima a empregar envases reutilizables, reducir a xeración de residuos, respectar os camiños habilitados para acceder aos areais, evitar alterar os hábitats naturais e apostar por formas de mobilidade sostible para desprazarse ás praias.

Exposición 'Goza da praia sen deixar pegada', na praia de CompostelaAfundación

Na presentación participaron a tenente de alcalde, Tania García; o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou; a directora técnica do proxecto PLANCTON, Saleta González; o responsable de RSC de Afundación, Manuel Cacheda; e o director da oficina de ABANCA en Vilagarcía, Javier Tilves Carballo, quen destacaron a importancia de compatibilizar o uso recreativo da praia coa conservación dos seus ecosistemas.

González subliñou ademais a necesidade de facer un uso responsable dos protectores solares, "que debemos usar para protexernos do sol, pero tamén tendo coidado de que non afecten á calidade das augas nin especies que conviven nelas".

Así mesmo, chamou a coidar a fauna e a flora dos areais, especialmente nun espazo como o da praia Compostela, onde conviven o lecer e a actividade marisqueira.

A campaña complementa outras accións municipais de limpeza e coidado do medio, como as impulsadas xunto a Urbaser para reducir o impacto dos ouriños de can na vía pública ou a repartición de depósitos de cabichas.

A exposición enmárcase no programa PLANCTON, co que Afundación desenvolve desde hai anos acciones de educación ambiental en colaboración con miles de persoas voluntarias e máis dun centenar de entidades.

Segundo os datos facilitados, esta iniciativa permitiu retirar máis de 163 toneladas de residuos de praias e fondos mariños de Galicia en pouco máis de cinco anos.