O 'turboflip' de James Rhodes por Pontevedra: "Esta cidade é incrible"

Pontevedra
28 de maio 2026

A súa presenza en Pontevedra debíase á celebración no Pazo da Cultura dos Premios Martín Códax da Música, á que Rhodes acudiu para entregar un galardón

James Rhodes, nos Premios Martín Códax da Música 2026
James Rhodes, nos Premios Martín Códax da Música 2026 / Cristina Saiz

Apenas 24 horas estivo por Pontevedra o pianista James Rhodes, pero sobroulle tempo para presumir dela a través das súas redes sociais.

"Estou a facer un turboflip con esta incrible cidade", escribiu o artista de orixe británica na súa conta de Instagram, onde colgou numerosas instantáneas da Boa Vila.

O pianista, namorado de Galicia desde hai anos, inmortalizou no seu perfil de Instagram gran parte do seu paseo exprés por Pontevedra.

Entre as fotografías que acompañaban á súa publicación, había instantáneas na Praza da Peregrina, na Praza da Ferrería ou ante o convento de San Francisco.

A súa presenza en Pontevedra debíase á celebración no Pazo da Cultura dos Premios Martín Códax da Música, aos que Rhodes acudiu para entregar varios galardóns.

Uns premios que o propio James Rhodes cualificou como "marabillosos", afirmando que foi unha oportunidade "para quedar abraiado polo talento que se mostra".

"É un privilexio e unha alegría estar aquí esta noite con todos vós festexando unha música tan incrible. Espero que todos perdoades o meu vergoñento galego, pero quería tentar demostrarvos que non son un fodechincho típico", dixo na súa intervención na gala.

Foi o encargado de entregar varios premios na cerimonia, entre eles o que recaeu no cangués Xan Campos na categoría de jazz e músicas improvisadas.

Entregou ademais os do santiagués Paco Nogueiras en música infantil, a ferrolá Lidia India en músicas do mundo e a pianista María Mendoza en música clásica e contemporánea.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora