Turismo de Pontevedra inicia esta fin de semana as visitas guiadas polo centro histórico

Pontevedra
11 de xuño 2021

O programa ofrece tamén, a partir do 15 de xuño, percorridos nocturnos polas pontes sobre o Lérez e un tramo do Camiño Portugués entre Arcade e a capital

Turismo de Pontevedra pon en marcha visitas guiadas polo centro histórico
Turismo de Pontevedra pon en marcha visitas guiadas polo centro histórico / Concello de Pontevedra

Turismo de Pontevedra poñerá en marcha esta fin de semana as visitas guiadas polo centro histórico da cidade, que a partir do día 24 realizaranse de forma diaria. Ademais, a próxima semana abrirá o prazo de reservas para participar nas visitas nocturnas ás pontes sobre o Lérez e para a realización dunha etapa do Camiño Portugués a Santiago. 

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, animou a "todo o mundo a inscribirse nestas actividades, xa que, se ben existen moitas formas de coñecer unha cidade, percorrela cun guía pode ofrecernos unha perspectiva moito máis completa", dixo durante a presentación destas actividades.

As visitas, que cumprirán con todas as medidas anticovid, terán unha duración aproximada dunha hora e 45 minutos nos que se dará a coñecer todo tipo de elementos culturais, históricos, monumentais, gastronómicos e festivos.

Os guias farán especial fincapé nas lendas e anécdotas da cidade e inclúe acceso ao interior de emblemáticos edificios como as Ruínas de Santo Domingo, o Santuario da Virxe Peregrina, a igrexa de San Bartolomeu ou a Basílica de Santa María.

As visitas partirán do punto de información turística situado na planta baixa do consistorio cun mínimo de 5 persoas. A tarifa xeral é de 5 euros por persoa, pero os parados, estudantes, xubilados, pontevedreses e familias numerosas só terán que pagar 3 euros. Ademais son gratuítas para menores de 12 anos. 

Entre o 24 de xuño e o 14 de setembro desenvolveranse estas visitas ás 11.30 e ás 18.30 horas de luns a sábado. Mentres que os domingos e festivos só haberá unha ás 11.30 horas. A partir da segunda quincena de setembro a saída da tarde adiantarase ás 17.30 horas.

Ademais, os fillos con idades comprendidas entre os 5 e 12 anos daquelas persoas que utilicen este servizo durante os meses de xullo e agosto poderán participar nun taller gratuíto que se realizará só durante a fin de semana. 

O prezo das visitas nocturnas, que comezarán a partir do 15 de xuño, terán un prezo xeral de 8 euros e un reducido de 5 euros. Levaranse a cabo os venres e sábados a partir das 22.30 horas sempre que haxa un mínimo de 5 participantes. Será un roteiro de hora e media con saída desde o Mercado de Abastos para, a través das pontes, percorrer a historia e orixe de Pontevedra. 

Tamén se abrirá o 15 de xuño a reserva de prazas para realizar un tramo do Camiño de Santiago en compañía dos guias de Turismo de Pontevedra durante os meses de xullo, agosto e setembro. A actividade consiste en camiñar un tramo de 11 quilómetros desde Arcade ata entrar na cidade cruzando a ponte de Ponte Sampaio, pola antiga calzada romana da Canicouva e pola riberal do río Gafos.

Estas saídas organizaranse todos os venres ás 8.45 horas entre o 1 de xullo e o 15 de setembro cunha tarifa xeral de 12 euros e unha reducida de 9 euros.