TurisTIC preséntase como un proxecto da Deputación para unir promoción turística e tecnoloxía

Pontevedra
28 de maio 2018

A presidenta da Deputación destaca que na provincia de Pontevedra hai "máis de 10.000 empresas dedicadas ao turismo", unha cifra que supón o 34% do sector en Galicia e a maioría destas empresas contan con menos de 10 persoas empregadas

Presentación Turistic Pontevedra Viva

As empresas turísticas poderán contar cunha nova ferramenta para promocionar as súas ofertas a través dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra denominada TurisTIC, unha iniciativa tecnolóxica que realizará propostas para os negocios do sector e ofrecer produtos e solucións relacionadas coas tecnoloxías de información e comunicación.

Esta mañá, a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, acompañada polos deputados Santos Héctor e Javier Dios, ademais dos asesores de SmartPeme, onde xurdiu este proxecto, presentaba a proposta como un punto de apoio fundamental para a actividade turistica da provincia

Silva sinalou que en Pontevedra traballan máis de 10.000 empresas dedicadas ao turismo, o que supón o 34% do sector en Galicia. Ao redor do 13% das empresas da provincia pertencen a este sector, xerando economía e emprego, afirmaba a presidenta provincial. A maioría destas empresas están formadas por menos de 10 persoas empregadas.

As liñas que seguirá TurisTIC centraranse na capacitación TIC, na creación dun centro de demostración e unha aceleradora. A capacitación achegará información e asesoramento personalizado ás empresas, a través dun diagnóstico inicial. Traballarase a xestión das redes sociais, os servizos online, a comunicación e márketing ou a xestión de datos. 

PROMOCIÓN DAS RÍAS BAIXAS EN CÓRDOBA

A presidenta da Deputación tamén explicou que o xoves 31 desprazarase unha delegación da institución provincial a Córdoba para dar a coñecer a provincia, dentro dunha campaña que busca promocionar as Rías Baixas en Andalucía. Esta comunidade é, despois de Madrid, de onde proceden máis visitantes á provincia.

Durante esta intervención promocional haberá un encontro con operadores turísticos, axencias de viaxe e medios promovendo a campaña 'Somos historias'. O fío condutor será María Vinyals, que pasou longas tempadas no Palación do Marqués de la Vega Armijo e en Huerta de Arcos.

Neste encontro promoverase a gastronomía como un dos elementos de maior atractivo turístico.