Ultimátum dun mes ao Grupo Lar para que finalice a urbanización dos terreos de Tafisa

Pontevedra
14 de outubro 2014

Os traballos pendentes son a creación dunha senda peonil, o derrubamento da antiga nave de carpintaría e a creación dunha zona verde na parcela situada entre Camiño Vello de Castela, José Malvar e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Ademais, deberán resolver as deficiencias de execución detectadas polos técnicos municipais na súa última revisión a todo este proxecto

Vista aeréa dos antigos terreos de Tafisa, á beira do río Lérez
Vista aeréa dos antigos terreos de Tafisa, á beira do río Lérez

Un mes, a contar a partir da notificación a empresa. ÿ o prazo que o Concello de Pontevedra dá a Grupo Lar, propietario dos antigos terreos de Tafisa, para completar os traballos de urbanización de todo este ámbito, de forma que poida ser recepcionada dunha vez polo goberno municipal. Así se recolle na providencia asinada este luns polo concelleiro de Urbanismo, Antón Louro.

En concreto, os traballos pendentes son a creación dunha senda peonil, o derrubamento da antiga nave de carpintaría e a creación dunha zona verde na parcela situada entre Camiño Vello de Castela, José Malvar e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Ademais, deberán resolver as deficiencias de execución detectadas polos técnicos municipais na súa última revisión a todo este proxecto.

Antón Louro advirte de que se a empresa incumpre esta directriz, se lles abrirá un expediente de disciplina urbanística e un procedemento sancionador por "incumprimento das súas obrigas".

Todo iso, dixo, sen prexuízo de que se poidan adoptar outras medidas ante o desinterese mostrado pola compañía ante a súa obriga de cumprir coas debidas condicións de seguridade, hixiene ou ornato público en todo este ámbito, que como recordou o edil socialista, ata que sexa recepcionada polo Concello, son responsabilidade "inexcusable" da empresa "que debe mantela en perfecto estado de revista".

O concelleiro de Urbanismo espera que esta decisión sirva para encamiñar "definitivamente" esta cuestión. Recordou que as obras comezaron en novembro de 2010 e tiñan un prazo de execución de catorce meses. Explicou que o goberno municipal foi "flexible", ao entender que a situación económica impedía ás empresas construtoras cumprir os seus compromisos; pero asegura que tiveron tempo abondo para cumprir coas súas obrigas.

O Concello de Pontevedra espera que pronto estean dispoñibles para os cidadáns os novos espazos que proporcionará esta unidade de actuación, entre elas un parque infantil ou varias zonas verdes. Ademais, permitiría aproveitar as parcelas para a construción de novos equipamentos. Neste sentido, avanzou que un proxecto "importante" para a cidade se tería interesado por instalarse nestes terreos.