Últimos trámites para que os xardíns da Uned conten cunha nova entrada e estean abertos á veciñanza

Pontevedra
25 de agosto 2020

Despois de que a Xunta Reitora da Uned dera o visto bo á cesión destes xardíns, o departamento de Desenvolvemento Sostible do Concello de Pontevedra, que dirixe Iván Puentes, estuda a fórmula xurídica para levar a cabo a operación. Ademais, estudan a creación dunha nova entrada á altura do Supermercado Froiz da Rúa Italia

Visita de Iván Puentes, concelleiro de Medio Natural, aos xardíns da Uned Concello de Pontevedra

A Xunta Reitora da Uned aprobaba a finais de xullo a cesión do parque do Centro Asociado de Monte Porreiro ao Concello de Pontevedra. Agora o persoal técnico dos servizos xurídicos municipais e do servizo de parques e xardíns estuda a fórmula para levar a cabo esta operación.

Con este traspaso, a veciñanza da urbanización poderá gozar deste espazo natural que se integraría co espazo do Miradoiro e con todo o barrio. Iván Puentes, concelleira de  Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, explica que está previsto realizar unha proposta de convenio de cesión á Uned coa intención de que sexa por un período amplo de tempo, que amortice o investimento que se vai acometer.

Puentes indica que se están estudando os termos do borrador dese convenio que permitirá rexenerar e integrar no barrio uns xardíns de enorme valor paisaxístico con exemplares  arbóreso centenarios.

Ademais, a intención do goberno local é que se habilite unha nova entrada que se crearía na zona máis próxima á urbanización, á altura do Supermercado Froiz situado na Rúa Italia. Esta entrada sumaríase á actual. A intención de Desenvolvemento Sostible é establecer unha rede de senllas peonís por estes xardíns e sinalizar as especies exóticas que se atopan nestes terreos. O proxecto centraríase en sacar partido ás posibilidades didácticas e de educación ambiental que presenta este espazo coa posibilidade de que poida gozalo a veciñanza.