Un biombo e unha porta permitirán adaptar o centro de saúde de Ponte Sampaio ao protocolo anti Covid-19 e recuperar a atención médica

Pontevedra
24 de agosto 2020

Hai dúas semanas responsables do Sergas e do Concello visitaron o consistorio para analizar a situación e os técnicos da administración autonómica recoñeceron que cunhas pequenas obras as instalacións poderían quedar adaptadas e recuperar o funcionamento normal. O Concello asumirá os gastos 

Centro de saúde de Ponte Sampaio Pontevedraviva

O centro de saúde de Ponte Sampaio está un pouco máis preto de recuperar a atención sanitaria normal que perdeu coa chegada da pandemia do coronavirus. Primeiro pechouse por completo e logo abriuse sen médico ao argumentar o Servizo Galego de Saúde que o edificio non reunía as condicións para ter atención médica e de enfermería cumprindo o protocolo anti Covid-19. Agora, cinco meses despois, o Concello de Pontevedra asumirá unhas pequenas obras que poderán solucionar a situación

A portavoz do Goberno local, Carme da Silva, explicou este luns que finalmente "parece" que o Sergas atendeu as esixencias do Concello e dos veciños de Ponte Sampaio e A Canicouva e hai dúas semanas responsables da Consellería de Sanidade e do Concello visitaron o consultorio para analizar a situación. 

Nesa visita, o Concello ofreceu á Consllería de Sanidade outro local municipal para facer obras e trasladar o centro de saúde, pero os técnicos da administración autonómica recoñeceron que non sería necesario, pois cunhas pequenas obras as instalacións poderían quedar adaptadas aos protocolos sanitarios e recuperar o funcionamento normal. 

Esas obras serían, en concreto, instalar un biombo de separación nunha zona do edificio e converter unha xanela en porta noutro punto, para poder establecer circuítos diferenciados de entrada e saída para evitar contaxios. Para axilizar todos os trámites, o Concello de Pontevedra ofreceuse a financialas e o Sergas explicou aos responsables municipais que, unha vez executadas, poderíase recuperar a actividade normal. 

Carme da Silva matiza que non se atreve a falar en nome doutra administración e, por tanto, non asegura que en canto terminen esas obras se recuperará o médico no centro de saúde, pero si fai público que desde o Sergas trasladóuselles que con estas obras o consultorio estaría preparado para recuperar unha asistencia sanitaria plena, de modo que o problema quedaría resolvido. 

"A partir dese momento, se o Sergas non restablece a actividade sanitaria, será por outra razón", indica Carme da Silva, que pon o foco sobre o feito de que o problema era "moi fácil de resolver" e podería solucionarse hai moitos meses, evitando á poboación de Ponte Sampaio e A Canicouva cinco meses sen atención sanitaria plena e trasladados ao ambulatorio Virxe Peregrina de Pontevedra para poder ter médico. 

As obras aínda non teñen data de execución porque o mes de agosto é complicado para moitas subministracións, pero o Concello xa avanza que contratará as obras pola vía de emerxencia e que este mesmo martes técnicos do Sergas, o Concello e a empresa visitarán o centro de saúde para realizar as medicións necesarias e saber que material encargar. 

A partir de aí, poderán empezar as obras. Será tras un gasto de "uns poucos miles de euros", aínda que o prezo final aínda se descoñece. En todo caso, Carme da Silva indica que é " unha cantidade moi pequena para a prestación que se consegue", pois pon fin a meses de molestias para a poboación da zona

A portavoz municipal insiste en que "puideron estar feitas xa", pero que todo se complicou pola interferencia política do Partido Popular de Pontevedra. " Puideron estar feitas antes se non tivese intervido o PP local neste asunto", reitera, e considera unha "lástima" tardar tanto en resolver o problema.