Dous serán os campamentos que ofertará o Concello de Soutomaior este verán para os mozos e mozas de 12 a 17 anos. Serán o San Simón Camp, que se desenvolverá do 15 ao 18 de xullo; e o Campamento de Surf, do 27 ao 31 de xullo.
As inscricións para estes campamentos serán en liña e estarán abertas do 1 ao 20 de xuño.
O San Simón Camp será un encontro da mocidade coa inmersión lingüística en inglés na illa de San Simón. O principal obxectivo das actividades que se programan é que a mocidade participante se divirta mentres aprende un idioma estranxeiro.
O equipo de monitores converterá o inglés no idioma vehicular en todos os momentos do día, procurando que o campamento se realice 100% en inglés.
Para esta cita haberá 49 prazas e terá un custe de 50 euros para as persoas empadroadas e de 145 para os non empadroados. Neste prezo inclúese manutención, pernocta en habitación dobres-triples, actividades, material, persoal titulado, seguridade, seguro e desprazamentos.
O outro campamento será o Campamento de Surf, unha cita que se desenvolverá do 27 ao 31 de xullo na praia de Razo en Carballo (A Coruña) e que está enfocada a descubrir a mellor forma de gozar do surf.
A escola Art Surf Camp ofrecerá clases de surf con monitorado altamente cualificado e a oportunidade de divertirse nunha experiencia única nun ambiente seguro e acolledor.
Os grupos organizaranse por idades. Haberá 49 prazas e terá un custe de 70 euros para as persoas empadroadas e de 250 para os non empadroados.
O prezo inclúe manutención, pernocta en habitacións compartidas con baño, actividades, material, persoal titulado, seguridade, seguro e desprazamentos de ida e volta.
As prazas cubriranse por orde de inscrición e terán preferencia as persoas empadroadas no concello de Soutomaior. Unha vez confirmados os asistentes realizarase unha reunión coas familias e participantes e co monitorado para explicarlles con detalle todas as actividades.