Un coloquio de mulleres traballadoras para conmemorar o 8M en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
04 de marzo 2022

O Concello de Ponte Caldelas tamén se une, un ano máis, a conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Para iso celebrarán un acto no que reunirán cinco mulleres do municipio que contarán a súa experiencia como traballadoras á fronte dun negocio

A concelleira Leticia Rocha e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz
A concelleira Leticia Rocha e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas tamén se une, un ano máis, a conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Para iso celebrarán un acto no que reunirán cinco mulleres do municipio que contarán a súa experiencia como traballadoras á fronte dun negocio.

En 'Verbas de muller', que así se chama a charla, estas veteranas no mundo laboral centrarán os relatos nas súas experiencias de vida, a conciliación da vida familiar e laboral e o relevo xeneracional nos seus negocios. A conversa estará guiada pola concelleira Leticia Rocha.

O acto celebrarase o mesmo Día da Muller, o martes 8 de marzo a partir das 20.30 horas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas, onde terán voz estas cinco mulleres que levan toda unha vida á fronte dos seus negocios.

Unha é taxista e xa superou a idade de xubilación, outra é farmacéutica, outra é a responsable dun ultramarinos do rural, outra é perruqueira e outra propietaria e dependenta dunha tenda de moda, e conversarán sobre as súas experiencias sobre igualdade, a loita de xénero ou as barreiras que tiveron ou aínda teñen que superar as mulleres.

O acto contará cunha actuación musical da cantautora galega MJ Pérez e ó finalizar o acto haberá un pincho de confraternidade.