Un convenio para romper con la pobreza hereditaria

Pontevedra
02 de maio 2016

O concello de Pontevedra asinou xunto á consellería de Política Social e a Obra Social "La Caixa" un convenio para implantar un programa centrado na atención a 50 familias con nenos de entre 0 e 18 anos en situación de vulnerabilidade social, co fin de promover e apoiar o seu desenvolvemento de forma integral

Concello, Xunta e Fundación La Caixa asinan un convenio Mónica Patxot

A pobreza hérdase. O maior risco de exclusión social dáse nas familias con fillos.

O último informe de Cáritas revela que oito de cada dez persoas que viviron graves dificultades económicas na súa infancia e adolescencia están a revivilas na actualidade como  persoas adultas.

Os servizos sociais de Pontevedra tratan hoxe a persoas excluídas, do mesmo xeito que antes estivérono os seus pais e antes os seus avós.

O Concello de Pontevedra asinou xunto á consellería de Política Social e a Obra Social "La Caixa" un convenio para implantar un programa centrado na atención a 50 familias con nenos de entre 0 e 18 anos en situación de vulnerabilidade social, co fin de promover e apoiar o seu desenvolvemento de forma integral.

O programa "busca romper a liña de transmisión da pobreza de pais a fillos e fomentar a igualdade de oportunidades", explicou o alcalde Fernández Lores.

Para tal fin, o convenio está dotado con 225.000 euros en tres anos para atender non só aos nenos senón ás súas familias para poder ofrecerlles un futuro de oportunidades.

Segundo explicou o director corporativo da área Social da fundación "La Caixa" esta colaboración concretarase no desenvolvemento conxunto de cinco liñas fundamentais de actuación á infancia como son o reforzo educativo, a educación non formal e tempo libre, o apoio educativo familiar, a atención e terapia psicosocial, e a promoción da saúde.

Tamén o programa busca facilitar o acceso aos bens básicos máis básicos (alimentación, produtos de hixiene, equipamento escolar, lentes e audífonos) para garantir que os nenos estean en igualdade de condicións á hora de labrarse un futuro por eles mesmos rompendo co lastre da pobreza e saíndo da zona de risco de excusión social.