Un estudo elaborado no Lérez conclúe que os eucaliptos aumentan o risco de que os ríos sequen no verán

Pontevedra
12 de xuño 2017

As plantacións de eucaliptos diminúen a diversidade e a vida dos ríos. Esta é a conclusión á que chegou un estudo realizado en 16 regachos que desembocan no río Lérez en Pontevedra que acaba de divulgar a asociación ecoloxista Adega  

Eucaliptos
Eucaliptos / Mónica Patxot

As plantacións de eucaliptos diminúen a diversidade e a vida dos ríos. Esta é a conclusión á que chegou un estudo realizado en 16 regachos que desembocan no río Lérez en Pontevedra que acaba de divulgar a asociación ecoloxista Adega

O estudo centrouse nos usos do chan deses 16 regachos que desembocan no Lérez tomando mostras de macroinvertebrados a finais da primavera e inicios do verán do ano 2011. Os investigadores estimaron o grao de alteración da vexetación da conca segundo a superficie ocupada por bosque autóctono, eucaliptos, zonas agrícolas, matogueira e zonas urbanas e chegaron á citada conclusión. 

Os autores do estudo foron Adolfo Cordero, Alba Martínez e Maruxa Álvarez, membros do grupo Ecoevo da Universidade de Vigo, e unha das súas conclusións é que aqueles regatos con maior presencia de eucaliptos no seu ecosistema teñen unha maior probabilidade de secar "completamente" no verán.

Respecto diso, engaden que a tendencia do cambio global do clima cara a ambientes máis secos podería agravar este problema, xa que as árbores de crecemento rápido como os eucaliptos ou os piñeiros "consomen moita máis auga" que as especies autóctonas. O uso destas especies autóctonas "mitigaría" eses efectos negativos.

O estudo recolle que a diversidade de macroinvertebrados aumenta co tamaño da bacía e do bosque autóctono, polo que determina que a presenza destes organismos "diminúe a medida que aumenta a superficie de eucaliptos".

Segundo as súas conclusións, as plantacións de especies exóticas como o eucalipto nas ribeiras dos ríos "elimina a vexetación nativa" e cambia a entrada de follas aos ríos, achegando material con "peores propiedades" e que presentan unha "maior dificultade" para descompoñerse.

De acordo cos resultados obtidos, os ríos nos que hai máis presenza de eucalipto "terán menor calidade de materia orgánica, reducindo en cadea as abundancias e a diversidade dos organismos detritívoros". Unha das circunstancias que inflúe é que o eucalipto cambia a estacionalidade do ecosistema, pois a maioría das súas follas cae no verán "e de forma non sincronizada" coas comunidades que se alimentan desta materia.

Á vez que a presenza de eucalipto diminúe a diversidade e a vida dos ríos, o bosque autóctono auméntaa, incluída a presenza de peces.