Un home de 48 anos, primeiro detido de 2017 por violencia de xénero en Pontevedra

Pontevedra
02 de xaneiro 2017

Apenas unhas horas pasaran das doce badaladas cando se producía en Pontevedra a primeira detención dun home como presunto autor dun delito de violencia de xénero. Trátase dun pontevedrés de 48 anos, que foi detido por axentes da Policía Local despois de esnaquizar o mobiliario da casa de súa ex parella e tratar de agredila

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

Apenas unhas horas pasaran das doce badaladas cando se producía en Pontevedra a primeira detención dun home como presunto autor dun delito de violencia de xénero. Trátase dun pontevedrés de 48 anos, que foi detido por axentes da Policía Local despois de esnaquizar o mobiliario da casa de súa ex parella e tratar de agredila.

Os feitos, segundo informou a Policía Local, ocorreron ás 3.30 horas da madrugada do 1 de xaneiro. Os axentes acudiron á vivenda da muller despois de que un veciño alertara dos gritos e dos golpes que se estaban a producir dentro da casa.

Cando chegaron ao lugar, o home trataba xa de saír do edificio. Foi identificado como a persoa que estaba causando os estragos no domicilio da vítima, por lo que foi retido ata que os axentes puideron verificar a denuncia.

No interior da vivenda atopábase a muller que fora vítima dos presuntos malos tratos. Tanto ela como as testemuñas dos feitos ratificaron que o home presentárase na casa da súa ex parella, que estaba celebrando a festa de fin de ano cuns amigos.

Segundo o seu relato, o home entrara no piso moi alterado e de inmediato procedeu a buscar a súa ex parella, intentando abalanzarse sobre ela con intención de agredila. Impediuno o grupo de persoas que se atopaban no interior da vivenda, suxeitando ao agresor e trasladando á muller a unha habitación coa fin de protexela.

O agresor comezou a golpear o mobiliario da vivenda e posteriormente dirixiuse ata a habitación onde se atopaba a muller. Tras golpear e romper o cristal da porta, accedeu ao interior do cuarto e intentou agredila de novo, sendo rescatada e protexida polos seus amigos que a sacaron da casa e levárona ata o domicilio dun veciño. 

Por estes feitos, avalados polas testemuñas presentes, os axentes da Policía Local procederon á detención do agresor, que pasará nas próximas horas a disposición xudicial.