Un malware paraliza o Concello de Vilagarcía durante varias horas

O Salnés
12 de maio 2016

Hai determinado tipo de software informático que ten como obxectivo infiltrarse ou danar un sistema informático sen o consentimento do seu propietario. Son os denominados malware e poden ter consecuencias desastrosas. Así o comprobaron no Concello de Vilagarcía, que se viu afectado este xoves por un destes virus tecnolóxicos

Concello de Vilagarcía de Arousa Furado

Hai determinado tipo de software informático que ten como obxectivo infiltrarse ou danar un sistema informático sen o consentimento do seu propietario. Son os denominados malware e poden ter consecuencias desastrosas. Así o comprobaron no Concello de Vilagarcía, que se viu afectado este xoves por un destes virus tecnolóxicos.

A apertura dun documento anexo a un correo aparentemente normal provocou a introdución na rede informática municipal dun malware que obrigou a paralizar durante boa parte da mañá todos os equipos da casa consistorial.

O malware provocou a encriptación de miles de documentos, de xeito que os autores do ataque esixían, como soe ser habitual nestes casos, un pago por obter a clave para desencriptalos.

Non foi necesario, porque como sinalan desde o goberno municipal, o uso da copia da seguridade que se realiza cada día permitiu devolver o sistema ao seu estado anterior ao ataque informático.

Con toda probabilidade mañá estará recuperada practicamente toda a información, devolvendo a normalidade ao traballo administrativo.