Un menor do Príncipe Felipe permanece en illamento tras dar positivo nas probas de Covid

Pontevedra
21 de setembro 2020
Actualizado: 20:36

Esta fin de semana activouse o protocolo Covid19 no Centro Príncipe Felipe ante o primeiro resultado positivo dun menor, que obrigou a poñer en corentena a outros 6 rapaces e 7 traballadores do centro, ao tratarse de contactos directos

Renión no Centro Príncipe Felipe
Renión no Centro Príncipe Felipe / Deputación de Pontevedra

Esta fin de semana activouse o protocolo Covid19 no Centro Príncipe Felipe ante o primeiro resultado positivo dun menor, que obrigou a poñer en corentena a outros 6 rapaces e 7 traballadores do centro, ao tratarse de contactos directos.

Aos seis rapaces xa se lles practicou este domingo a preceptiva PCR e os resultados son negativos. Aínda así todos cumprirán os 14 días de corentena. Este luns a pasarán os traballadores que están á espera nos seus domicilios.

Nada máis coñecerse o positivo, a dirección de Príncipe Felipe, coa supervisión do Servizo de Prevención da Deputación, activou o sábado o exhaustivo protocolo deseñado especificamente para estes supostos. O rapaz, que se atopa asintomático, está nunha unidade de illamento, ao igual que outros seis compañeiros con quen mantivo contacto directo.

Da mesma forma, 7 traballadores que se relacionaron co menor, foron enviados ás súas casas para pasar a corentena. Amais, fíxose un rastrexo de todos os contactos casuais, aínda que non foran estreitos (15 minutos, distancia 2 metros), e desde o Servizo de Prevención trasladouse a petición da proba PCR para minimizar ao máximo o risco que poidera existir.

En canto ao normal desenvolvemento da actividade laboral no centro de menores, a Deputación mantén activada unha bolsa de emprego por si fose necesario cubrir calquera baixa de persoal se finalmente houbera positivos ou corentenas entre o persoal traballador.

Nunha reunión celebrada este luns en Príncipe Felipe, a presidenta da Deputación, Carmela Silva coñeceu de primeira man os datos do centro, así como as medidas que se están a valorar en canto ás entradas e saídas diarias do centro mentres existan as restricións da Consellería de Sanidade na cidade de Pontevedra. Tampouco se descarta, en función da evolución da pandemia e recomendacións sanitarias, calquera reforzo adicional que fose necesario.