Un positivo por coronavirus no albergue de Salcedo obriga a unha desinfección urxente da Brilat

Pontevedra
26 de marzo 2020
Actualizado: 13:34

Un equipo da Brigada Galicia VII acudiu a media mañá deste xoves de forma urxente ao albergue Raíña da Paz de Matalobos, en Salcedo, habilitado para dar acubillo durante a noite a persoas sen teito durante a emerxencia sanitaria do coronavirus

Tarefas de desinfección da Brilat no albergue de Salcedo
Tarefas de desinfección da Brilat no albergue de Salcedo / Diego Torrado

Un equipo da Brigada Galicia VII, Brilat, acudiu a media mañá deste xoves de forma urxente ao albergue Raíña da Paz de Matalobos, en Salcedo, habilitado para dar acubillo durante a noite a todas as persoas sen teito que o necesiten durante a emerxencia sanitaria do coronavirus. 

O motivo da intervención foi, segundo puido saber PontevedraViva, que nas últimas horas tívose coñecemento de que unha das persoas que estaba a usar estas instalacións deu positivo por coronavirus.

Desde o Servizo de Alertas Epidemiolóxicas de  Sanidade en Pontevedra indicaron que se trata dun home de 60 anos que desde a tarde deste mércores permanece ingresado no Hospital Montecelo. Detectáronselle síntomas de coronavirus e deu positivo.  

Unha vez que se activou o protocolo por coronavirus, pediuse a intervención da Brilat, que enviou a Salcedo un equipo de reforzo que ten de forma permanente na base General Morillo de Figueirido. A Brigada despregou patrullas este xoves en Lugo, Santiago, Avilés, Astorga, Palencia e Valladolid dentro da operación Balmis activida pola alerta sanitaria, pero quedaban militares nas instalacións que foron mobilizados para esta intervención. 

Para estas tarefas de desinfeccción, os militares da Brilat contaron co apoio de axentes da Policía Local de Pontevedra e voluntarios da agrupación de Protección Civil.

Fontes municipais confirmaron o positivo e explicaron que desde o Concello, a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, realizou todos os trámites que estaban dentro das súas atribucións, que foi comunicar a situación coa maior prontitude posible á Consellería de  Sanidade e a continuación poñelo en coñecemento da Subdelegación do Goberno.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, deu unha reposta rápida mobilizando á Brilat para realizar tarefas de desinfección e a partir de agora toda xestión queda en mans do Servizo Galego de Saúde

Estes últimos días este albergue estaba a ter unha ocupación diaria de 25 usuarios e agora calquera decisión sobre o seu posible illamento ou corentena debe adoptala o Sergas.

Tamén son as autoridades sanitarias as que deben tomar medidas en canto a illar ao persoal ou a outro tipo de actuacións nas instalacións e, segundo fontes sanitarias consultadas por PontevedraViva, activouse o protocolo, que implica o illamento da persoa afectada e un seguimento do resto de usuarios e traballadores. A todos eles realízaselles un seguimento de síntomas para, en caso de que se detecte que presentan cadros de tose, temperatura alta ou dificultades respiratorias se actúe en consecuencia.

O Concello de Pontevedra acordou con Cáritas a habilitación do seu albergue de Monte Porreiro e do local Raíña da Paz en Matalobos (detrás de Carrefour) para dar acubillo durante a noite a todas as persoas que o necesiten. Na capital residen ao redor de trinta persoas sen fogar. Moitos xa son usuarios habituais dos albergues, outros pasan a noite na rúa e para cumprir coa corentena, instóuselles a desprazarse a algún destes locais para previr o seu contaxio e a expansión da epidemia.

As localizacións pactadas polo Concello e Cáritas son lugares habilitados para acoller un máximo de corenta persoas e están equipados con zonas de comedor e xardín.