Un proxecto provincial fomentará o emprego no sector apícola

Cerdedo Cotobade
06 de novembro 2018

Conta cun orzamento de máis de 102.000 euros, dos que o Fondo Social Europeo achega preto de 70.000 euros e outros máis da 22.000 euros a Deputación provincial

Apicultor
Apicultor / José Luiz Oliveira

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar "Depoapicultura", un proxecto para o fomento, a creación e a mellora do emprego en actividades económicas relacionadas co sector apícola.

Esta iniciativa está enmarcado no programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade, e conta cun orzamento de 102.221,84 euros. Dese total, 68.582,43 euros achégaos o Fondo Social Europeo e outros 22.159,41 euros a institución provincial. Ademais, este programa tamén conta cunha colaboración de preto de 12.000 euros da Deputación de Zaragoza.

Segundo explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, este programa, que está destinado a persoas desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, inclúe formación teórico-práctica sobre apicultura sustentable, a creación dunha base de datos cos participantes e a posta en marcha dunha rede que aglutine a axentes implicados no desenvolvemento rural desas zonas.

Silva recalcou a importancia de que as zonas rurais conten con este tipo de proxectos para "loitar contra a desertización".