Un total de 26 licitadores compiten por facerse cos postos vacantes no Mercado de Abastos

Pontevedra
14 de febreiro 2014

A mesa de contratación abriu este venres a documentación xeral

Mercado de Abastos de Pontevedra Mónica Patxot

A mesa de contratación do procedemento de adxudicación das vacantes no Mercado de Abastos de Pontevedra reuniuse esta venres baixo a presidencia da concelleira de Promoción Económica, Carlota Román. O resultado, unha vez examinada polo miúdo a documentación recibida no Rexistro municipal, é que 26 licitadores teñen presentado ofertas.

A mesa abriu os sobres A (que conteñen a documentación xeral) e está previsto que nos próximos días volva reunirse para a apertura dos sobres B (coas propostas económicas).

Non será ata a apertura das propostas económicas cando se coñeza o número definitivo de postos aos que aspiran os ofertantes, dado que as bases do procedemento e o regulamento da Praza permiten, aínda que con limitacións, que un mesmo titular teña varias bancadas ou casetas.

Carlota Román explicou que durante a apertura da documentación xeral constatouse que algúns licitadores repetiron erroneamente os sobres A nos casos en que entregaron varios sobres B. Esta circunstancia levou a unha primeira estimación de que se tiñan presentado ofertas para 70 postos.

Unha vez que a mesa de contratación abra a documentación restante, os postos serán adxudicados polo sistema de poxa. A Praza dispón dun total de 367 postos de venda, dos que actualmente están baleiros 99.

Os titulares das novas concesións gozarán dun período de explotación de 25 anos.

Carlota Román destacou que trátase da primeira vez que o Concello, unha vez regularizadas e postas ao día as concesións dos actuais praceiros, oferta a totalidade das vacantes na Praza de Abastos. O procedemento, engadiu, estase a realizar con total transparencia e igualdade de oportunidades, para que todas as persoas interesadas en vender na Praza podan presentarse e competir coas súas ofertas.