Unanimidade en Cerdedo-Cotobade no rexeitamento ao Parque Eólico dos Cotos

Cerdedo Cotobade
11 de xaneiro 2022

A totalidade dos concelleiros aprobaron a solicitude á empresa de que desista do procedemento e abandone este proxecto eólico

Casa consistorial de Cerdedo-Cotobade Mónica Patxot

O pleno da corporación municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou por unanimidade unha declaración oficial de rexeitamento á instalación do Parque Eólico dos Cotos e manifestaron o apoio aos veciños, ás parroquias e ás comunidades de montes afectadas por este proxecto industrial enerxético.

Os membros da corporación aprobaron tamén enviar un escrito á empresa promotora do proxecto eólico para solicitarlle que desista do procedemento e dea por finiquitado o seu interese en instalar este parque eólico.

A sesión plenaria convocada este martes polo alcalde, Jorge Cubela, con carácter monográfico e extraordinario centrouse en valorar o impacto que este proxecto eólico terá para os intereses dos veciños e dos lugares afectados e renovouse o compromiso por parte de todos os partidos políticos que forman parte da corporación municipal de manter a unidade de acción e intensificar a visibilización do rexeitamento social e insitucional a este proxecto eólico.

Os representantes da oposición puxéronse a disposición do alcalde en canto ás mobilizacións e accións que se están liderando desde o Concello a través dos técnicos municipais e da empresa Tysgal, especializada en temas medioambientais, coa "irrenunciable" intención de presentar informes negativos e alegacións en contra da instalación do Parque Eólico dos Cotos.

Pola súa banda, Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG, pediu unha "aposta clara e decidida por parte do alcalde contra este proxecto depredador" dando orde aos técnicos municipais para que elaboren "informes rigurosos" contra os Cotos. 

Lembra o portavoz municipal nacionalista que se trata dun proxecto "rodeado de moita oscuridade e mala fé política por parte da xunta do PP" ao tratarse dun proceso "que se está a tramitar por un procedemento urxente" logo de ser declarado proxecto de interese autonómico en outubro e "sacalo a exposición pública en pleno Nadal a fin de evitar a mobilización da veciñanza". 

Apunta Ernesto Filgueira que toda esta premura da Xunta co parque eólico dos Cotos "só se entende ao descubrir que este é un caso grave de portas xiratorias entre a enerxética e o PP,  pois quen está detrás da empresa Tiraventos é un vogal do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible vinculado á Consellería de Medio Ambiente da Xunta, entre outros cargos".

Dende a agrupación municipal socialista pediron ao alcalde "que se deixe de entrar en leas cos concellos limítrofes e se centre en facer unha defensa total do noso territorio e no rexeitamento ao Parque Eólico de Os Cotos". 

A agrupación socialista tende a man ó concello pero pídelle ao alcalde "que sexa valente, que se deixe de baños de masas e brindis ao sol, e se comprometa a emitir os informes desfavorables elaborados polos técnicos municipais e llos faga chegar á Xunta". "Pedimos tamén que se comprometa a acudir a vía xudicial se fose preciso", engadiron.

Este mércores o PSdeG-PSOE de Cerdedo-Cotobade presentará, ao marxe das alegacións conxuntas firmadas pola corporación municipal, as súas propias alegacións ante o rexistro da Xunta de Galicia.

"Temos constancia de que entre os anos 1996 e 1998 houbo importantes incendios forestais na zona de afectación do parque o que nos da un argumento contundente en contra, xa que baseándonos na Lei 7/2012 de montes de Galicia segundo a cal nos terreos afectados por incendios forestais non se producirá un cambio de uso nos seguintes 30 anos", concluíron.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en