Unanimidade en Marín para seguir actualizando o rueiro municipal

Marín
11 de maio 2025

O pleno aprobou unha moción do BNG. Os departamentos técnicos municipais de Informática, Tesourería e Padrón están encaixando os ficheiros coas diferentes bases de datos existentes

Pleno do Concello de Marín Concello de Marín

O pleno da Corporación de Marín aprobou na súa última sesión seguir a traballar na actualización do rueiro municipal. 

Os concelleiros e concelleiras marinenses aprobaron por unanimidade unha moción presentada polo BNG sobre o asunto.

En relación con este asunto, o concelleiro do PP Pablo Novas explicou que é "moi importante" que exista un posicionamento unánime nun traballo destas características, "que é moi amplo, que ten moitas fases e que vincula e vai vincular a varias lexislaturas", en alusión aos mandatos municipais.

Para a actualización do rueiro, xa se realizaron varias fases de traballo. A primeira contou con participación da veciñanza para recoller toda a microtoponimia núcleo a núcleo e lugar.

No que se coñece como Distrito 3, que abrangue as parroquias de Seixo, Ardán e Santomé, elaborouse un inventario no que poder adaptar ao PXOM a nova numeración.

Despois de todo ese traballo de campo, os departamentos técnicos municipais de Informática, Tesourería e Padrón están a traballar para encaixar os ficheiros coas diferentes bases de datos existentes, "algo que non é nada sinxelo a nivel informático e que está sendo farragoso, pero non por iso vai deixar de facerse".

Estas bases correspóndense ao propio padrón, aos datos da auga, lixo e saneamento, e ás do IBI. O traballo de fusión das tres "require primeiro pulir todos os erros que existen para non seguir arrastrándoos no futuro, que é o obxectivo final de todo este traballo, ademáis do toponímico".

O concelleiro tamén avanzou que este ano firmouse un convenio coa Deputación de Pontevedra para ter un censo de vivendas cun código único adaptado á referencia catastral.