Unha auditoría de Augas de Galicia certifica que a depuradora de Caldas cumpre coas normas europeas

Umia
01 de marzo 2022

O informe técnico valora a calidade global de EDAR como "aceptable" e a explotación como "boa". Propón ao Concello que realice un estudo da viabilidade técnico-económica de incrementar a capacidade de aireación biolóxica

Depuradora de Corticeiras, en Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

Unha auditoría externa remitida por Augas de Galicia certifica que a EDAR das Corticeiras, en Caldas de Reis, cumpre coas esixencias da Directiva europea de augas residuais, "acadándose valores altos de depuración".

O alcalde, Juan Manuel Rey, informou este martes da recepción do informe técnico, que valora a calidade global de EDAR como "aceptable" e a explotación como "boa".

Ademais, o informe considera suficiente o equipo de desinfección da estación, valorando "positivamente" os "esforzos na explotación da liña de deshidratación" e os medios que utiliza a empresa para facer fronte aos vertidos industriais. 

Asemade ponse en valor "a orde, limpeza e boa conservación das instalacións e equipos electromecánicos". 

Augas de Galicia propón ao Concello que realice un estudo da viabilidade técnico-económica de incrementar a capacidade de aireación biolóxica coa implantación dun maior número de rotores que poden albergar as actuais balsas de aireación.

Tamén recomenda, por mor dos vertidos industriais, complementar o proceso de eliminación biolóxica de fósforo cun sistema de precipitación química do mesmo para o que sería necesario instalar un sistema de dosificación de sales de aluminio para eliminar o fósforo remanente por vía química e así dar cumprimento ao límite establecido na Autorización de Vertido sen interferir no funcionamento do equipo de desinfección ultravioleta.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, amosou a súa satisfacción polos resultados da auditoría destas instalacións que este ano cumprirán 15 anos.

Tamén confirmou que "o Concello xa ten iniciado o estudo técnico e financeiro para instalar os equipos recomendados e remitirá nas próximas semanas a Augas de Galicia a información solicitada relativa aos permisos de vertedura de usuarios non domésticos e verificará o seu cumprimento".