Unha boa causa ben vale un baño frío

Sanxenxo
04 de xaneiro 2023

Ás 16.30 horas deste mércores celebrábase o tradicional 'Chapuzón por una ilusión' na praia de Silgar co obxectivo de recadar fondos para os pacientes de cancro infantil da Fundación Aladina

Baño solidario en Silgar
Baño solidario en Silgar / Concello de Sanxenxo

Por segundo ano consecutivo, a praia de Silgar acolleu un acto solidario nestas datas véspera de Reis. Trátase do 'Chapuzón por una ilusión', unha iniciativa que pon en marcha a Fundación Aladina coa colaboración do Concello de Sanxenxo.

Desde as 16.30 horas, numerosas persoas achegáronse ata o areal para participar nesta acción co obxectivo de recadar fondos para os pacientes de cancro infantil da Fundación Aladina.

As persoas participantes ofrecen un donativo mínimo de cinco euros que lles permite entrar nun sorteo con diferentes premios como estancias en hoteis, spas, roscas de Reyes ou ceas para dúas persoas.

A pesar das temperaturas, os máis atrevidos decidiron darse un baño vestidos coas súas roupas máis divertidas con intención de animar unha cita que se consolidou na programación festiva de Sanxenxo durante o Nadal. 

Ao longo da tarde servíase tamén unha chocolatada para que aquelas persoas que se atreveron a mollarse recuperasen a temperatura corporal.