Unha comida familiar con dúas persoas chegadas de Madrid, posible foco de contaxio do médico de Baltar

Sanxenxo
17 de xullo 2020

A área sanitaria continúa coa vixilancia epidemiolóxica deste positivo e ata o momento identificáronse 4 contactos estreitos que deron negativo nas probas PCR, pero están en corentena. Hai vixilancia sobre outros catro contactos non estreitos e faise seguimento aos pacientes aos que atendeu  

Realización de test de coronavirus Diego Torrado

A área sanitaria de Pontevedra e o Salnés continúa coa vixilancia epidemiolóxica do positivo por coronavirus detectado nun médico de familia do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, e chegou á conclusión de que é posible que a orixe da transmisión do virus tivera lugar nun almorzo familiar no que participaran dous familiares procedentes de Madrid.

Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, ata o momento identificáronse 4 contactos estreitos con este facultativo e todos están en corentena no seu domicilio. O Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra realizoulle probas PCR e xa na tarde deste xoves se tivo o resultado e resultaron negativas. De todas maneiras, continúan en illamento.

Tamén se identificaron outros 4 contactos puntuais, non estreitos, aos que Medicina Preventiva lles indicou que fagan vixiancia de síntomas. Ademais, a Unidade de Prevención de Riscos Laborais da área sanitaria realízalle seguimento.

En relación aos pacientes aos que atendeu, facilitouse á central de seguimento de contactos a relación de pacientes que foron atendidos de maneira presencial. Nesas consultas, en todo momento se mantiveron as medidas de seguridade e hixiene fronte ao SARS- CoV-2, pero, de todas maneiras, é necesario controlar a esas persoas. 

Desde a Central estáse a facer contacto diario con estes pacientes vixiando a posible aparición de síntomas. En principio, a valoración por parte do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é que existe un risco baixo en relación a estes pacientes.

O caso detectouse na tarde do mércores 15 de xullo e, de xeito inmediato, o servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra púxose en contacto co profesional para realizarlle a enquisa epidemiolóxica.

A área sanitaria estableceu a relación de contactos a tres niveis: no ámbito profesional, en relación aos pacientes que atendeu os días previos e no ámbito social e familiar. É neste ámbito familiar no que se constatou esa posible orixe do contaxio nunha comida familiar.

Á primeira hora do xoves, antes do inicio da actividade asistencial, levouse a cabo unha limpeza e desinfección en profundidade de todos os locais do centro de saúde de Baltar.