Unha concentración veciñal reclama máis medios para o centro de saúde de Baltar

Sanxenxo
25 de febreiro 2018

Máis dun cento de veciños de Sanxenxo concentráronse diante do centro de saúde de Baltar, en Portonovo, para demandar á administración sanitaria galega que se cubran as prazas vacantes que existen para mellorar á atención aos cidadáns

Concentración veciñal diante do centro de saúde de Baltar Asociación Plataforma Veciñal Sanxenxo

Máis dun cento de veciños de Sanxenxo concentráronse diante do centro de saúde de Baltar, en Portonovo, para demandar á administración sanitaria galega que se cubran as prazas vacantes que existen para mellorar á atención aos cidadáns.

Os manifestantes tamén reclamaron máis medios para o servizo de pediatría, unha ambulancia medicalizada para todo o ano, un reforzo do persoal en todas as áreas, a restauración do plan funcional do centro e a solución das deficiencias que se aprecian nas instalacións.

Os veciños aseguran que "cada día hai máis queixas por chegar ás citas médicas e encontrarse con que o médico non está por ter que saír na ambulancia a unha urxencia ou simplemente que colleu unha baixa e se lle endosa o traballo a outro compañeiro coa sobrecarga que isto provoca ao non poñer substituto".

A pesar de que a valedora do pobo "tirou das orellas" á Consellería e que esta se comprometeu a proporcionar pediatras, "o certo é que non hai indicios de que isto vaia a mellor, senón todo o contrario ", denuncian.

Adiantan que o próximo Venres Santo levarase a cabo unha manifestación similar á de hai un ano e non descartan celebrar unha concentración diante da Consellería de Sanidade "dado que parece que non se decatan de que os problemas e deficiencias do centro de saúde de Baltar non se soluciona con ampliar o mesmo".

Os veciños reclaman dotalo de medios e persoal e, a partir de aí, "estudar a posibilidade de ampliación e facelo da forma máis eficiente posible, e non só para quedar ben".