A Brigada Central de Estupefacientes da Policía Nacional e o Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (GRECO) de Galicia están a desenvolver un importante operativo antidroga en distintos puntos do territorio nacional que deixaron polo menos dez detidos e a incautación de 650 quilos de cocaína. A maioría da droga foi intervida en Pontevedra e polo menos cinco dos arrestados fórono nesta provincia.
Fontes da investigación confirmaron que tres persoas foron detidas na cidade de Pontevedra, outras dúas na localidade de Ribadumia, na comarca do Salnés, e cinco en Madrid. Ademais, segundo esas mesmas fontes, Pontevedra tivo un peso específico neste operativo.
O groso do operativo desenvolveuse en Galicia, con rexistros nunha vivenda da avenida de Bos Aires de Pontevedra na que foi localizada a maioría da droga e en varios puntos máis. Houbo outro rexistro en Ribadumia e varios en Madrid, onde tamén se produciron detencións.
O operativo está coordinado pola Audiencia Nacional, de modo que os detidos en Pontevedra foron trasladados á Comisaría Provincial da Policía Nacional, pero está previsto que nos próximos días sexan derivados trasladados a Madrid para a súa posta a disposición xudicial.
A operación continúa aberta e fontes da investigación confirmaron que aínda está empezando, de modo que non se descarta a detención de máis persoas que poderían formar parte dunha mesma organización criminal con ramificacións en distintos puntos de España.
A operación mantivo un amplo despregamento de medios na avenida de Bos Aires de Pontevedra, na subida ao barrio de Monte Porreiro, durante ao redor de dúas horas deste xoves. Os axentes do GRECO Galicia, que ten a súa sede na Comisaría de Pontevedra, rexistraron a fondo unha casa unifamiliar de pedra na que foi localizada a droga.
O amplo despregamento policial mantivo cortada a avenida de Bos Aires para permitir que os axentes rexistrasen o chalé. Unha vez terminado o rexistro, levantouse o operativo e a droga incautada foi trasladada nunha furgoneta policial á Comisaría.