Unha delegación de Xapón participará no Congreso Mundial da Camelia de Pontevedra

Pontevedra
11 de decembro 2013

Unha delegación nipona encabezada polo embaixador deste país en España, Satoru Satoh, participará no evento. Dez cidadáns xaponeses xa están inscritos no congreso e, en paralelo, celebraranse reunións entre representantes empresariais de Xapón e Pontevedra pertencentes aos sectores turístico, vinícola e pesqueiro-marisqueiro

Unha delegación de Xapón, encabezada polo embaixador deste país en España, Satoru Satoh, participará no Congreso Mundial da Camelia que se celebrará en Pontevedra do 10 ao 15 de marzo.

A participación do embaixador confirmouse logo dunha xuntanza que o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a deputada Begoña Estévez mantiveron con el en Madrid e terá lugar no marco do Ano Dual Xapón-España que se celebrará o vindeiro 2014.

Dez cidadáns xaponeses xa están inscritos no congreso e, en paralelo, celebraranse xuntanzas entre representantes empresariais de Xapón e Pontevedra pertencentes aos sectores turístico, vinícola e pesqueiro-marisqueiro.

O Congreso Mundial da Camelia, que conta coa Presidencia de honor da Raiña Sofía, organizarase en Pontevedra en varias sesións temáticas correspondentes aos sectores turístico, ornamentai, viveirístico, paisaxístico, da cosmética, da alimentación e da investigación.

O congreso terá lugar dende o luns 10 ata o sábado 15 de marzo e, ademais das xornadas técnicas, incluirá visitas ao Pazo de Rubiáns (Vilagarcía), Lourizán (Pontevedra), Castelo de Soutomaior, Pazo de Torres Agrelo (Redondela), Pazo de Castrelos (Vigo) e diversas empresas como viveiros Río Tollo, en Tomiño.

Segundo o embaixador Satoru Satoh, a delegación xaponesa que asistirá ao congreso en Pontevedra está moi interesada nos anteditos sectores empresariais e tamén nos usos artísticos, plásticos e botánicos das camelias, así como das súas principais aplicacións, algunhas das cales comprobarán na Estación Fitopatolóxica O Areeiro.