Unha lona cobre xa a pista do Pavillón para iniciar a reforma da cuberta

Pontevedra
08 de xuño 2016

Nas últimas horas colocouse un valado no exterior das instalacións para prohibir o estacionamento e cubriuse a pista interior para protéxela a fin de evitar danos e destrozos mentres se levan a cabo os traballos de rehabilitación

Unha lona cobre a pista do Pavillón Municipal para iniciar a reforma da cuberta Concello de Pontevedra

A reforma da cuberta do Pavillón Municipal dos Deportes deu xa os seus primeiros pasos. Nas últimas horas colocouse un valado no exterior das instalacións para prohibir o estacionamento e cubriuse a pista interior para protéxela a fin de evitar danos e destrozos mentres se levan a cabo os traballos de rehabilitación.

Unha vez preparado tanto o interior como o exterior do recinto, comezarán as obras propiamente ditas cunha primeira fase que durará unhas cinco semanas e que incluirá a limpeza e pintado das cerchas da cuberta, segundo informou o Concello a través dun comunicado.

Esas cinco semanas da primeira fase son o tempo que é necesario para rematar a fabricación da nova cuberta, que terá, como xa se anunciou, o deseño feito no seu día polo arquitecto Alejandro de la Sota.

A desmontaxe e montaxe da cuberta é un traballo duns dous meses, polo que durante ese tempo o pavillón non terá actividade deportiva de ningún tipo. Dende esta mesma semana se restrinxe o uso da pista do recinto deportivo, pero mantéñense as actividades nos ximnasios.

Segundo as previsións da Concellaría de Deportes, a obra poderá estar rematada a primeiros de setembro, para continuar co ritmo normal da tempada deportiva.