Unha pequena praza no cruzamento con Benito Corbal completará a reforma de Lepanto

Pontevedra
15 de marzo 2018

Xa se coñecen todos os detalles da reforma urbana que o goberno municipal exporá para a rúa Lepanto pero, iso si, os veciños terán a última palabra. Será unha actuación "integral", segundo explicou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez

Demetrio Gómez presentando o proxecto de reforma de Lepanto
Demetrio Gómez presentando o proxecto de reforma de Lepanto / PontevedraViva

Xa se coñecen todos os detalles da reforma urbana que o goberno municipal exporá para a rúa Lepanto pero, iso si, os veciños terán a última palabra. 

Será unha actuación "integral", segundo explicou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez. Cumprirá con "todos os parámetros de calidade" do modelo urbano de Pontevedra. A rúa pasará a ser, destacou, un espazo "accesible para todos".

Lepanto, como xa se anunciou, pasará a ser un viario de plataforma única. O pavimento que se propón é lastro confinado en bandas de formigón, a mesma solución estética que o tramo peonalizado en Benito Corbal. Así, segundo o edil do BNG, "facilítase" o seu mantemento posterior.

A rúa, que terá o paso restrinxido a residentes e servizos, manterá ademais o seu sentido de circulación de San Antoniño a Benito Corbal, pero quedará sen aparcadoiros.

A actuación prevista inclúe, no tramo máis próximo a Benito Corbal, a creación dunha pequena praza que aproveitará o espazo existente á beira da antiga delegación da Xunta de Galicia, que xa se atopa en plena rehabilitación. 

Para esta praza, o Concello propón dúas opcións para que os veciños escollan a que máis lles guste. Por unha banda, exponse a instalación de cinco bancos de cor granate para crear unha zona de estancia separada do paso dos vehículos ou, pola contra, desprazar as liñas do pavimento, colocar só tres bancos e plantar varias árbores, deixando un paso máis angosto.

Ademais, aproveitando esta reforma tamén se renovarán todos os servizos de saneamento, augas pluviais e fecais e abastecemento. Manterase a iluminación da rúa, que xa conta con tecnoloxía LED, aínda que se poderán engadir novos puntos de luz na praza de nova creación.

O Concello destinará uns 254.000 euros a esta obra, a expensas das achegas e suxestións que poidan realizar os veciños e comerciantes da zona.